Ameijide pon en valor o papel de CHR como exemplo do potencial industrial e innovador do rural lucense

Os deputados populares poñen en valor que o desenvolvemento da provincia tamén pasa por impulsar empresas que, desde municipios como Alfoz, proxectan o nome de Lugo aos mercados internacionais.

Os deputados do Grupo Provincial Popular, acompañados do voceiro do PP en Alfoz, Juanjo Fraga, visitaron as instalacións de CHR (Carrocerías Hermanos Rega) para coñecer de primeira man o seu traballo e poñer en valor o papel que desempeñan empresas como esta no desenvolvemento económico e social da provincia de Lugo.

Durante a visita, o voceiro provincial popular, Antonio Ameijdie, destacou que CHR “é un claro exemplo de que nos pequenos concellos, especialmente os do medio rural, poden xurdir empresas altamente competitivas, innovadoras e capaces de situarse entre as máis destacadas do seu sector, mesmo con proxección internacional”.

Ameijide recorda que “o futuro do rural tamén pasa por apoiar o tecido empresarial, favorecer o emprendemento e crear as condicións necesarias para que empresas como CHR poidan seguir medrando, xerando emprego e fixando poboación”.

Os deputados populares puxeron en valor a capacidade de superación, a aposta constante pola innovación e a especialización de CHR que, desde Alfoz, conseguiu converterse nun referente na fabricación de carrozarías e solucións adaptadas ás necesidades dos seus clientes, demostrando que “a excelencia empresarial non entende de tamaño do municipio nin de distancia aos grandes centros urbanos”.

“Empresas como CHR representan o mellor da provincia de Lugo: talento, esforzo, innovación e compromiso. Son un exemplo de que desde o rural tamén se pode competir ao máximo nivel e abrirse camiño nos mercados máis esixentes”, sinalaron.

Desde o Grupo Provincial Popular insistiuse na necesidade de seguir impulsando políticas que favorezan a competitividade das empresas asentadas no rural, mellorando as infraestruturas, as comunicacións, a formación e o acceso á innovación, co convencemento de que o desenvolvemento da provincia pasa tamén por fortalecer o seu tecido produtivo.

Comparte éste artículo
No hay comentarios