A asociación “Alumni UDC” fai entrega dos seus primeiros premios cos que recoñece o talento, o impacto e o legado á comunidade

Empresa, compromiso social, investigación e traxectoria son as catro categorías destes galardóns, que nesta I edición recaeron en Jim Graña, Sofía Toro, Marisol Soengas e Óscar García Maceiras.

A Universidade da Coruña acolleu esta mañá o acto de entrega da primeira edición dos Premios Alumni UDC, concedidos pola asociación de antigos alumnos da institución, Alumni UDC. Baixo o lema “Recoñecendo o talento, o impacto e o legado da nosa comunidade”, estes galardóns pretenden ser unha homenaxe a aqueles estudantes que destacaron no ámbito empresarial, social, investigador e profesional. 

Nesta primeira edición, distinguiu a catro egresados cuxas traxectorias representan a diversidade de camiños que pode abrir o paso pola Universidade.

O acto foi presidido polo reitor da Universidade, Ricardo Cao, e contou coa presenza de Pablo Tenreiro, Mirian Vizcaíno e José Castelao, presidente e vogais da asociación Alumni UDC, ademais de contar coas catro persoas premiadas, os seus familiares, representantes institucionais e membros da comunidade universitaria.

Empresa, compromiso social, investigación e traxectoria

O Premio Alumni Empresa, que recoñece a unha persoa egresada con traxectoria salientable no ámbito empresarial ou emprendedor, recaeu en Jesús Manuel (Jim) Graña Gómez, graduado en Ciencias da Actividade Física e do Deporte na UDC.  Graña Gómez é fundador e director xeral de Jim Sports Technology, compañía de distribución de material deportivo con presenza en 47 países.

Na categoría de Compromiso Social, dirixido a egresados cunha traxectoria singular en acción social, cultura, deporte, cooperación, inclusión ou sustentabilidade, a distinción foi para Sofía Toro Prieto-Puga, tamén graduada en Ciencias da Actividade Física e o Deporte pola UDC. Medalla de ouro olímpica en 2012, Sofía desempeña na actualidade o cargo de xerente do Clúster Galego da Industria do Deporte e do Benestar, combinando o seu legado deportivo cun papel activo no desenvolvemento do sector en Galicia.

Pola súa banda, Alumni Investigación, que distingue contribucións relevantes no ámbito científico ou académico, recoñeceu a María Soledad «Marisol» Soengas González, licenciada en Bioloxía e doutora honoris causa pola Universidade da Coruña desde xullo de 2026. Soengas é investigadora de prestixio internacional na loita contra o cancro de pel, en particular o melanoma, e dirixe o Grupo de Melanoma do Centro Nacional de Investigacións Oncolóxicas (CNIO).

Por último, o Premio Alumni Traxectoria, galardón honorífico que recoñece unha carreira longa, consolidada e de impacto en calquera ámbito, distinguiu a Óscar García Maceiras, licenciado en Dereito por esta institución e doutor en Dereito pola Universidade CEU San Pablo. É avogado do Estado. En 2021 incorporouse a Inditex como secretario xeral e do Consello de Administración, asumindo desde ese mesmo ano o cargo de conselleiro delegado. 

O reitor da UDC, Ricardo Cao, subliñou na súa intervención que estes premios “son unha mostra do enorme potencial transformador da nosa comunidade universitaria. As traxectorias de Jim Graña, Sofía Toro, Marisol Soengas e Óscar García Maceiras representan valores que queremos seguir promovendo desde a Universidade da Coruña: o espírito emprendedor, o compromiso coa sociedade, a excelencia investigadora e a capacidade de liderado. Hoxe recoñecemos non só os seus logros, senón tamén a capacidade de inspirar a novas xeracións, un motivo de orgullo para toda a comunidade da UDC.”

Sobre Alumni UDC

A Asociación Alumni UDC ten como misión manter e fortalecer o vínculo entre a Universidade da Coruña e os seus antigos estudantes, impulsando unha comunidade activa baseada na excelencia, a pertenza e o compromiso. A través de actividades como os Premios Alumni, a asociación traballa para que a relación entre a Universidade e as súas comunidade de persoas egresadas se manteña viva moito despois da graduación.

Comparte éste artículo
No hay comentarios