Rego ao Goberno: “Esixan á Comisión Europea a exclusión do pincho das 87 vedas xa”

O deputado do BNG fai valer o informe do IEO que demostra con datos científicos que a arte de pincho non ten impacto negativo sobre os ecosistemas mariños. “Desmóntase a inxusta prohibición ordenada pola Comisión Europea”.

O portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, diríxese ao Goberno nunha iniciativa parlamentar, para solicitarlle que exixa á Comisión Europea unha rectificación das restricións á modalidade de pesca de pincho en 87 zonas do Atlántico Noroeste tras coñecerse o Informe do IEO.

Un Informe correspondente ao proxecto Ispamer que conclúe que esta arte de pesca non ten impacto negativo sobre os ecosistemas mariños vulnerábeis. Demostra con datos científicos concretos e mediante un traballo exhaustivo analizando 1.493 aparellos en 55 mareas entre 2023 e 2025 que este sistema de pesca non toca o fondo mariño, senón que actúa na zona demersal.

Néstor Rego afirma que “fica desmontada a inxusta prohibición de pesca ordenada pola Comisión Europea en 2022 a todas as artes de fondo e que tivo unha enorme afectación a esta frota composta por máis de 60 buques e dedicada sobre todo á pesca de pescada de pincho”.

Debe haber unha reparación económica e social

“Foi unha decisión imposta sen contar cos informes científicos rigorosos que avaliasen o verdadeiro impacto de cada unha das artes sobre o fondo mariño”, subliña o Rego quen censurou á Comisión Europea por incumprir ano tras ano as revisións anuais respecto as vedas. 

O deputado do BNG pon de manifesto que as vedas impostas reduciron as capturas nun 34% e as perdas económicas son enormes. “Un desastre económico e social para as comarcas costeiras da Galiza da que debería responsabilizarse a Comisión, tanto en custes económicos como noutras medidas reparadoras”, afirma.

Neste sentido, empraza ao Goberno a reclamar unha reparación económica e social para o pincho. E sobre todo, que exclúa a esta modalidade das prohibicións. Importa tamén que se desenvolvan as xestións precisas para que se conclúan estudos científicos sobre cada unha das arte  con datos certos e que a Comisión Europea cumpra coas revisións anuais para actualizar a situación.

Comparte éste artículo
No hay comentarios