O Goberno de España atribúe, en resposta ás preguntas dos senadores do PP lucense, ao Concello como responsable dos atrasos por non ter expropiado os terreos para a execución das obras.
O PP lamenta a “falta de coordinación” entre Costas do Estado e o alcalde de Foz de cara á reconstrución do paseo marítimo de Cangas derrubado pola acción do mar en febreiro do 2024 que deriva en “atrasos inxustificables” que xeran malestar entre os veciños e veciñas.
O tramo afectado permanece pechado e perimetrado dende fai máis de dous anos e medio “sen que chegue a solución definitiva” para un espazo de importante uso veciñal e turístico, especialmente na época estival. “Pasaron xa tres veráns e o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico segue sen resolver o problema”, lamentan os populares.
É máis, o Goberno de España continua sen concretar cando prevé executar as actuacións proxectadas. En resposta ás preguntas formuladas polos senadores do PP lucense José Manuel Balseiro, José Manuel Barreiro e Juan Serrano; sinala que “non se pode determinar unha data concreta de inicio das obras, pois depende da dispoñibilidade dos terreos” de titularidade privada que sería necesario ocupar segundo o estudo realizado polo Servizo Provincial de Costas.
Para os populares, esta resposta evidencia a falta de coordinación entre ambas administracións, xa que o propio Goberno vincula o inicio das obras á expropiación dos terreos e responsabiliza ao Concello de Foz.
O portavoz municipal do PP, Javier Castiñeira, condena “o pouco peso político do alcalde de Foz” ante un Goberno do seu mesmo partido e cuestiona que “acepte que sexan os veciños de Foz, a través dos fondos municipais, os que teñan que asumir o custo das expropiacións necesarias para executar unhas obras que son competencia do Goberno de España”.
Castiñeira considera “inxustificable que o Goberno de Sánchez pretenda desentenderse desta responsabilidade e cargue sobre o Concello a adquisición dos terreos necesarios para executar unha actuación de interese xeral que transcende o ámbito exclusivamente municipal.
SEGUNDA ROTONDA DE CANGAS
Castiñeira lembra que “a situación se repite coa segunda rotonda de Cangas na intersección da N-642 coa estrada autonómica que comunica con Ferreira do Valadouro: están pendentes de executar as obras por parte do Estado á espera das expropiacións por parte do Concello”. De novo, “o Goberno de Sánchez esixe aos veciños e veciñas de Foz que paguen por uns terreos para unhas obras de interese xeral, non só para o municipio”, lamenta.
Por iso, o PP reclama “coordinación, axilidade e unha solución inmediata” para desbloquear ambas actuacións e evitar que continúen acumulándose atrasos.