SATSE Galicia reclama un encadramento excepcional de Carreira Profesional

Delegadas e delegados de SATSE Galicia concentráronse hoxe en hospitais das catro provincias como protesta ante a situación actual do sistema de Carreira Profesional no Servizo Galego de Saúde. No mesmo acto lembraron que levan acadadas, máis de 4.000 sinaturas de profesionais que reclaman un encadramento excepcional ao Sergas.

O SATSE concentrouse no novo edificio de hospitalización do CHUO en Ourense, no Hospital Lucus Augusti de Lugo, no Hospital Clínico de Santiago de Compostela e no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo.

Desde o Sindicato reclámase a reforma do actual sistema, no que se ven penalizados os profesionais cunha longa traxectoria profesional, ao non recoñecerse un amplo período de servizos prestados que abarca máis de 15 anos nalgún caso.

As casuísticas son diversas, na maioría corresponden a tempo traballado nas propias institucións   sanitarias   do   Sergas,    asemade   dos   prestados noutras Comunidades Autónomas ou países membros da UE e mesmo o recoñemento de todo o tempo de vinculación durante a formación sanitaria especializada.

Diversas sentenzas recoñecen xa este dereito que o Sergas se empeña en non recoñecer.

SATSE reitera, unha vez máis, a petición de realizar un acceso extraordinario para os miles de aspirantes que, acreditando anos e anos de servizos prestados, non poden consolidar o grao que lles correspondería polo seu tempo de traballo e méritos acadados. Algo que xa se ten producido noutros servizos de saúde.

A carreira profesional, como dereito dos/das profesionais a progresar de maneira individualizada e como recoñecemento ao seu desenvolvemento en canto a formación, coñecementos, experiencia, investigación, docencia, así como á súa participación nos obxectivos da organización, comezou a recoñecerse no Sergas no ano 2006, logo de múltiples reivindicacións de SATSE para a súa posta en marcha, non obstante, foi paralizada no ano 2009, e unha vez máis foi retomada a súa negociación, a instancias de

SATSE, no 2014, aprobándose un novo acceso no ano 2018, quedando polo medio un máis de 12 anos perdidos. Desta forma pode ocurrir que unha profesional con máis de 25 anos traballados tan só teña recoñecido o grao II de Carreira Profesional, cando xa lle correspondería o grao IV.

Despois destes anos, as melloras no acordo inicial seguen a discriminar ata, alomenos, 10.000 profesionais, dos que, preto de 6000, son Enfermeiras e Fisioterapeutas cunha clara afectación salarial, práctica esta que se contradí cos criterios aplicados ao persoal facultativo, ao que permítese un acceso máis dinámico ao diminuír os prazos de permanencia en cada grao para a súa progresión.

Desde hai meses SATSE Galicia iniciou unha campaña de recollida de sinaturas de apoio do persoal afectado, presentando polo momento máis de 4.000 sinaturas, recollida que seguirá a facerse nos vindeiros meses, xunto con máis mobilizacións para que se produza a apertura de unha negociación real para a apertura de un Encadramento Excepcional que repercuta nun recoñecemento real dos méritos avaliables, acordes as múltiples sentencias existentes.

Comparte éste artículo
No hay comentarios