A Deputación colabora co Concello de Pontedeume na compra dun novo edificio na rúa Real para ampliar a Casa Consistorial

Valentín González Formoso e Bernardo Fernández asinaron hoxe, ao remate do pleno provincial, o convenio aprobado na propia sesión.

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o alcalde de Pontedeume e portavoz do Goberno provincial, Bernardo Fernández Piñeiro, asinaron hoxe, ao remate da sesión plenaria, o convenio de colaboración para financiar a adquisición dun inmoble lindeiro coa Casa do Concello que permitirá ampliar as dependencias municipais.

O convenio, aprobado hoxe polo pleno da Deputación, establece unha achega provincial máxima de 360.000 euros, o 64,08792 % do custo da adquisición, que ascende a 561.728,34 euros. O Concello de Pontedeume financiará a contía restante con fondos propios ou procedentes doutras fontes.

O edificio está situado no número 11 da rúa Real, ao lado da actual Casa do Concello, e conta cunha superficie total de 695 metros cadrados distribuídos entre a planta baixa e dúas plantas superiores. A súa adquisición ofrece unha oportunidade singular para ampliar a sede municipal, condicionada pola súa localización no casco histórico de Pontedeume e pola falta de espazo dispoñible no seu entorno inmediato.

A actual Casa Consistorial presenta limitacións de espazo e accesibilidade que impiden reunir nunha mesma sede todos os departamentos municipais. A incorporación do edificio lindeiro permitirá concentrar as distintas áreas, organizar mellor os espazos de traballo e facilitar o acceso da cidadanía ás dependencias municipais.

O alcalde de Pontedeume, Bernardo Fernández cualificou a sinatura como “un paso decisivo para modernizar a administración municipal e ofrecer á veciñanza unhas instalacións máis amplas e funcionais”. “A ubicación da Casa do Concello no casco histórico facía moi difícil atopar unha solución para ampliala. A adquisición deste inmoble lindeiro permítenos afrontar unha necesidade que Pontedeume arrastra desde hai anos”, afirmou.

O alcalde agradeceu o apoio da Deputación, “fundamental para que un concello das dimensións de Pontedeume poida asumir un investimento tan importante”, e explicou que o obxectivo é “agrupar os servizos municipais e mellorar calidade da atención á cidadanía”.

O inmoble, actualmente destinado a uso residencial e comercial, leva anos sen utilizarse e necesitará de obras de rehabilitación para adaptalo ao seu futuro uso administrativo.

Comparte éste artículo
No hay comentarios