A Deputación da Coruña celebra os dez anos de Youtubeiras+ como referente da normalización lingüística nas redes

O proxecto, que lanza un novo galardón honorífico á traxectoria na creación dixital, repartirá 7500 euros entre as propostas gañadoras das sete categorías a concurso: Canle, Creación de contidos, Revelación, Calidade lingüística, Rede, Pódcast e Premio do Público.

O Servizo de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña volve sumar os seus esforzos aos dos SNL dos concellos de Ames, Carballo, Ferrol, Moaña, Narón, Oleiros, Pontevedra, Rois, Santiago de Compostela e Teo, mais aos das tres universidades galegas, para promover o uso e o prestixio do galego nas redes sociais a través do proxecto Youtubeiras+. O certame presentou hoxe no Centro Multifuncional do Milladoiro a súa décima edición, que terá como gran novidade o lanzamento dun premio honorífico para distinguir a traxectoria de persoas e iniciativas no eido da creación dixital en galego.

A deputada de Lingua, Sol Agra, representou a administración provincial nunha rolda de prensa na que interviron os alcaldes de Ames e de Carballo, Blas García Piñeiro e Daniel Pérez López; a concelleira de Lingua de Teo, María Vázquez Rey, e a vicerreitora de Cultura, Lingua e Patrimonio da Universidade de Santiago de Compostela, Ana Cabana Iglesia.

Agra destacou “o compromiso firme e continuado da Deputación cun proxecto que é un referente imprescindible para a promoción e normalización do galego entre a mocidade e no ámbito dixital”. “Chegar a esta décima edición coa forza e a vitalidade coas que o fai Youtubeiras+”, engadiu, “demostra que o galego é unha lingua viva, creativa e con moito futuro nas redes”.

A deputada puxo tamén en valor a importancia do traballo en rede entre administracións: “A suma de esforzos entre os concellos, as universidades e a Deputación é a mellor garantía para seguir impulsando o talento dixital na nosa lingua e para ofrecer espazos de prestixio e visibilidade á comunidade creadora”.

Bases e categorías

O novo premio honorífico para distinguir a traxectoria de persoas e iniciativas no eido da creación dixital en galego é a gran novidade da décima edición do certame, cuxas bases xa se poden consultar na web Youtubeiras. O prazo de inscrición manterase aberto até as 23.59 horas do día 15 de novembro.

Youtubeiras+ 2026 repartirá 7500 euros entre as sete categorías a concurso: Canle, Creación de contidos, Pódcast, Revelación, Calidade lingüística, Rede e Premio do Público. As dúas primeiras contarán cunha dotación económica de 1250 euros, e as cinco restantes, de 1000 euros.

Formación de balde para a comunidade creadora

A formación continúa a ser un piar de Youtubeiras+. Nesta décima edición ofertaranse tres obradoiros en liña e gratuítos, impartidos por persoas creadoras que foron premiadas en anteriores convocatorias:

  • María Rúa: “Como ser unha ‘turras’ sen parecelo”, o 7 de outubro.
  • Nuria Grandío: “Crear contidos con estratexia: das ideas ás redes sociais”, o 14 de outubro.
  • Nee Barros: “Conecta en galego: diversidade, talento e redes sociais”, o 21 de outubro.

O xurado encargado de avaliar as propostas desta edición estará composto polo músico e produtor Nuno Pico, a comunicadora audiovisual Eira Losada, a creadora de contido e publicista Nuria Grandío, a escritora Emma Pedreira e a guionista e directora Bea Saiáns.

Comparte éste artículo
No hay comentarios