“Ambos propostas son un exemplo claro de como a comunidade educativa se pode implicar de xeito activo na construción dende as aulas dunha sociedade máis xusta, igualitaria e diversa”, destacou a deputada de Igualdade, Sol Agra.
O XIII Premio Concepción Arenal para proxectos educativos pola igualdade de xénero, convocado pola área de Igualdade da Deputación da Coruña xa ten gañadores: “eNEBRAndo Igualdade”, do CEIP Plurilingüe Sobrado-Nebra (Porto do Son), na categoría B, para educación primaria; e “Facernos escoitar: Fraguando igualdade e diversidade na escola”, do IES Antonio Fraguas (Santiago de Compostela), na categoría C, para secundaria, bacharelato e formación profesional básica e de grao medio. Quedou deserta a categoría A, para educación infantil, á que non concorreu ningunha proposta, polas catro que se presentaron en cada unha das outras dúas modalidades.
A deputada de Igualdade, Sol Agra, presidiu un xurado que estivo formado por Adrián Manuel Gonçalves Barbosa, Inmaculada Cortón Tesouro e Helga Vázquez Regueira . Actuou como secretaria Eva Ovenza, xefa da sección de Igualdade e Dereitos Civís da Deputación.
Agra deulles aos parabéns aos premios. «Ambos proxectos son un exemplo claro de como a comunidade educativa se pode implicar de xeito activo na construción dende as aulas dunha sociedade máis xusta, igualitaria e diversa».
“Desde a Deputación da Coruña”, explicou, “seguimos apostando con firmeza por este certame e polo labor do profesorado e do alumnado, que demostran cada día que a educación é a ferramenta máis potente para erradicar as desigualdades desde as etapas máis temperás”.
Proxectos gañadores
De “eNEBRAndo Igualdade”, o xurado destacou “o seu forte vínculo coa contorna rural, cunha participación moi elevada da comunidade educativa e veciñal e cunha boa fundamentación inicial baseada nunha diagnose DAFO”. A proposta integra accións diversas –análise crítica das redes, memoria interxeracional e referentes galegas– “cun enfoque transversal ao longo de todo o curso”. En conxunto, segundo comité avaliador, “trátase dun proxecto completo e de forte impacto comunitario, que traballa a igualdade de xeito transversal en diferentes ámbitos como o musical, a narrativa, a divulgación social e os espazos dixitais”.
Para o xurado, o proxecto “Facernos escoitar: Fraguando igualdade e diversidade na escola” destaca “pola súa ampla participación e pola forte implicación do profesorado, articulando radio escolar, obradoiros afectivo-sexuais e accións de reflexión arredor da igualdade, a diversidade e a prevención da violencia de xénero, con especial atención á normatividade dos corpos a través de actividades como os obradoiros de gordofobia”. A valoración técnica salienta tamén “a variedade e innovación dos formatos empregados –podcasts, arte urbana, ferramentas TIC– e a consolidación dunha traxectoria transversal no centro”. “En conxunto”, conclúe, “é unha proposta dinámica e de gran alcance pola súa intensidade e compromiso comunitario”.