O salón de plenos da Deputación acolleu esta mañá o acto oficial, no que participou a deputada de cultura, Natividade González; a deputada provincial Avia Veira; o sobriño do homenaxeado, José Alberto García Suárez; o comisario do premio, Xurxo Lobato e o fotógrafo Manuel Sendón.
O Salón de Plenos da Deputación acolleu hoxe o acto de entrega do premio honorífico de Fotógrafo Histórico a José Suárez, no que participaron a deputada de cultura, Natividade González; a deputada provincial Avia Veira; o sobriño do homenaxeado, José Alberto García Suárez; o comisario do premio, Xurxo Lobato e o fotógrafo Manuel Sendón.
Este recoñecemento continuará o 8 de outubro no Museo do Pobo Galego, onde, ás 19:00 horas, se celebrará o homenaxe a José Suárez, coa participación de Natividade González, Manuel Sendón e Xurxo Lobato. Ademais, a área de cultura da Deputación tamén editou unha publicación sobre a súa obra.
Durante o acto, a deputada de cultura puxo en valor a “mirada” de José Suárez: “Mirar significa escoller, onde deterse, que merece ser contado, que persoas e que realidades queremos deixar para o futuro. E José Suárez soubo mirar Galicia. Mirou o mar, os mariñeiros, os traballos e os oficios. Mirou as mans, os rostros, a dureza da vida cotiá, pero tamén a dignidade das persoas. E fíxoo cunha fotografía dunha enorme forza estética, pero tamén profundamente humana”.
“A súa traxectoria levouno lonxe de Galicia”, sinalou González, “pero continuou estando presente na súa obra e na súa maneira de entender o mundo”. Neste sentido, afirmou que este recoñecemento “ten tamén algo de regreso. É unha maneira de traer de novo a José Suárez á casa e de reivindicar o lugar que lle corresponde na historia da nosa fotografía e da nosa cultura”. A deputada expresou que o premio Luís Ksado, ademais de recoñecer a creación fotográfica actual, debe servir para “construír memoria”, e este ano “facémolo cun fotógrafo extraordinario, cun home que fixo da fotografía unha maneira de contar Galicia ao mundo que nos permite conservar unha parte do que fomos”.
Actividades do Premio Luís Ksado
Ademais da programación arredor da fotografía e da figura de José Suárez, recoñecido este ano como Fotógrafo Histórico, a programación paralela desta 20ª edición do Premio Luís Ksado de creación fotográfica convocado pola Deputación da Coruña, inclúe outras actividades: mañá, 6 de outubro, ás 16:30h no Centro Ágora, haberá unha clase maxistral de Juan Manuel Castro Prieto, galardoado co Premio Nacional de Fotografía.
E, o 7 de outubro, ás 18:00 horas, terá lugar no Auditorio do Museo do Pobo Galego unha conferencia de Miguel Muñiz, gañador desta edición do Premio ‘Luís Ksado’ coa serieAventados. A continuación, ás 19:00 horas, inaugurarase a exposición das obras premiadas e finalistas da edición 2026 – Néboa, de Carlos Folgoso Sueiro (Verín, Ourense); Terra negra, de Tono Arias (A Estrada, Pontevedra); Terra de promesas, de Roberto de la Torre Camiña (Vigo); Latencia, de Rodrigo Sánchez Suárez (Oleiros) e La mente vaciada, de Raquel López Pajares (Madrid) – nun acto no que participarán o fotógrafo e comisario da exposición Xurxo Lobato, o galardoado Miguel Muñiz, a vicepresidenta do Padroado do Museo do Pobo Galego, María Xosé Fernández Cerviño, e a deputada de Cultura da Deputación da Coruña, Natividade González.