O pleno da Deputación da Coruña rexeita a moción “partidista” do PP sobre Ceuta e promoverá unha declaración institucional de apoio ao pobo ceutí

A falta de apoio do PP á urxencia impediu debater hoxe unha moción sobre as carencias do transporte público en Ferrolterra, Eume e Ortegal na que se pretendía trasladar o apoio institucional da Deputación á mobilización convocada hoxe na praza de Armas de Ferrol.

 A moción presentada hoxe polo Grupo Popular no pleno da Deputación da Coruña sobre os acontecementos producidos en Ceuta non contou co apoio do resto dos grupos da corporación e foi rexeitada, despois de que o PP non aceptase as emendas formuladas polo Grupo Provincial Socialista, coas que intentaba buscar un posicionamento común sobre este tema. As modificacións mantiñan a defensa da soberanía española sobre Ceuta e Melilla e o apoio á poboación ceutí, pero propoñían eliminar as referencias partidistas da exposición de motivos para converter a iniciativa nun posicionamento institucional do pleno.

Neste sentido, o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, anunciou, tras o debate entre os portavoces dos distintos grupos, que o goberno provincial “levará ao vindeiro pleno unha proposta de declaración institucional que poidan subscribir todos os grupos e que transmita o apoio e a solidariedade do conxunto da provincia da Coruña con Ceuta”.

As emendas socialistas propoñían substituír a petición de devolver inmediatamente a Marrocos todas as persoas que accederan irregularmente a Ceuta pola análise individualizada de cada caso, aplicando a normativa legal española e europea. O texto incorporaba expresamente o respecto aos dereitos fundamentais e ao dereito de asilo, así como a protección especial dos menores e doutras persoas en situación de vulnerabilidade.

As modificacións ampliaban tamén o recoñecemento ás ONG, á iniciativa social e aos servizos de asistencia humanitaria que atenderon a emerxencia – e que non se citaban no texto dos populares-, xunto coas forzas e corpos de seguridade do Estado, as Forzas Armadas, a Policía Local e os servizos de emerxencia. Finalmente, incorporaban un chamamento aos representantes públicos para evitar discursos xenófobos, racistas ou discriminatorios e recoñecían que os acontecementos de Ceuta constitúen tamén unha grave crise humanitaria que debe abordarse con responsabilidade e respecto aos dereitos humanos e á dignidade das persoas.

“Rexeitan as emendas porque o que queren é que se vote en contra. Non lles preocupa a situación de Ceuta, senón o uso partidista deste tema. O seu patriotismo chega só ata a porta de Génova”, reprochou o voceiro socialista, Bernardo Fernández, que reclamou ao PP que abandone a súa “política de confrontación permanente”.

A portavoz do BNG, Avia Veira, lembrou que a lexislación migratoria vixente, “aprobada durante un goberno do PP, é a que debe cumprirse”. “Unha cousa é esixir responsabilidades ao Goberno e outra aceptar o relato e o discurso que quere construír o PP”, afirmou.

O portavoz de Alternativa dos Veciños, Ángel García Seoane, sinalou que “non creo que ningún dos que estamos aquí estea en contra de que Ceuta e Melilla sexan españolas” e denunciou a existencia dunha “operación de acoso e derribo promovida por Trump e Netanyahu”.

Pola súa banda, o portavoz do PP, Miguel Lorenzo, censurou a actuación do Goberno durante a crise, asegurou que “sabemos que o Goberno marroquí está detrás disto” e sostivo que “a única solución para volver á normalidade é o retorno”.

O PP impide debater a moción sobre o transporte público en Ferrolterra, Eume e Ortegal

A falta de apoio do Grupo Popular á urxencia dunha moción presentada conxuntamente polo PSdeG-PSOE e o BNG impediu que o pleno puidese debater unha proposta sobre as graves carencias do transporte público nas comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal. 

O texto pretendía trasladar o apoio institucional da Deputación á mobilización convocada para hoxe, ás 18.00 horas, na praza de Armas de Ferrol, e recoñecer o traballo do Foro Cidadán polo Ferrocarril de Ferrolterra, Eume e Ortegal, da Plataforma Queremos Tren e da Plataforma por un Transporte Público Digno para Ferrol e Comarca.

A moción instaba a Xunta de Galicia a mellorar de maneira inmediata o transporte interurbano por estrada, aumentando as frecuencias, adaptando os horarios ás necesidades reais da poboación, solucionando a falta de prazas e garantindo conexións eficaces cos principais centros sanitarios, educativos, administrativos e laborais, tras as múltiples e graves incidencias rexistradas durante esta semana nos buses interurbanos.

Tamén reclamaba ao Ministerio de Transportes, Renfe e ADIF a modernización da liña ferroviaria A Coruña-Ferrol, os investimentos necesarios para eliminar as limitacións da vía e a aprobación dun aumento das frecuencias e duns horarios adaptados á realidade laboral e académica da veciñanza. Ao non aprobarse a urxencia, o contido da iniciativa non chegou a ser sometido a debate nin votación.

Toma de posesión

Durante o pleno de hoxe tomou posesión como deputado provincial do Grupo Popular Jorge Boado Presas, concelleiro de Coirós.

Comparte éste artículo
No hay comentarios