A plataforma Mina Touro – O Pino Non vén de facer pública a existencia dunha tubería de vertido procedente dos terreos da mina de Touro que conta cunha autorización outorgada por Augas de Galicia / Gardería Fluvial desde hai máis dun ano. A canalización, solicitada por Explotaciones Gallegas para “devolver ao medio hídrico augas excedentes” tras ser tratadas químicamente, serve como exemplo —segundo a plataforma— para desmontar as promesas de “vertido cero” e “reutilización” coas que se pretende vender o proxecto mineiro na comarca.
Dende Mina Touro – O Pino Non fan fincapé en que esta situación se está a producir sen que a mina de cobre estea actualmente en funcionamento (o recinto só opera para áridos e residuos), e lembran que o enclave non foi restaurado en máis de 40 anos sen que ningunha administración esixira a presentación dun plan de restauración conforme á lexislación ambiental vixente.
Un percorrido para visualizar o impacto real nas aldeas
Para amosar sobre o terreo as consecuencias que tería a apertura da mina, a plataforma convida á cidadanía a percorrer a ruta histórica do Camiño do 20, desde Arinteiro (Concello de Touro) á beira do río Pucheiras, onde se atopa a citada canalización.
Durante o percorrido advírtese do impacto directo que o proxecto tería sobre a poboación local:
- Escombreiras a carón das vivendas: Proxéctase unha gran escombreira a menos de 70 metros das casas de Arinteiro, así como outras de ata 200 metros de profundidade cara á aldea de Cebreiro (O Pino).
- Balsa de residuos tóxicos: A menos de 200 metros da aldea situaríase unha enorme balsa de residuos catalogada con risco de rotura moi alto, que permanecería no lugar de xeito indefinido.
- Afectación ao Camiño de Santiago: A actividade implicaría a eliminación do punto xeodésico do monte do Picón, desde onde se divisa o Camiño Francés ao seu paso por O Pedrouzo.
- Deterioro da calidade de vida: Tránsito diario e continuo de camións de gran tonelaxe, voaduras con explosións a horas de descanso, iluminación nocturna permanente e contaminación acústica ininterrompida.
Danos no patrimonio hídrico
Ademais dos vertidos ao río Pucheiras, a veciñanza lembra que o proxecto mineiro contempla a eliminación de máis de medio cento de captacións de auga na zona, poñendo en risco os recursos hídricos dos concellos de Touro e O Pino.
«Se isto o fan cando a mina de cobre aínda non está aberta, que podemos agardar cando estea a pleno rendemento?», cuestionan dende a plataforma Mina Touro – O Pino Non, convidando á sociedade a reflexionar sobre se calquera familia podería manter o seu proxecto de vida nunha contorna sometida a esta presión ambiental e industrias de alto risco.