O BNG denunziou esta mañá o «caos» persistente na liña de autobús que conecta Carballo coa Coruña, operada pola compañía Arriva. A formación nacionalista solicitará novamente á Xunta de Galicia que interveña de xeito urxente para poñer fin a unha «xestión desastrosa» que deixa a diario a numerosas persoas usuarias sen posibilidade de viaxar.
O responsable comarcal do BNG en Bergantiños, Xosé Manuel Pose, criticou o «maltrato sistemático» cara aos usuarios por parte da concesionaria. Pose sinalou que a empresa «deixa xente en terra, omite paradas establecidas —como ocorre en varios puntos de Carballo— e volve discriminar aos pasaxeiros en función do seu destino final».
Reincidencia e incumprimento dos pregos da Xunta
A pesar de que a Consellería de Presidencia e Mobilidade informara por escrito ao deputado nacionalista Oscar Insua de que os pregos prohiben calquera preferencia de acceso segundo o destino, a situación volveu repetirse. Este mesmo venres 18 de setembro, a operadora priorizou o acceso a determinados traxectos, deixando a decenas de persoas sen autobús na estación da Coruña.
A formación considera insuficiente o mero reforzo puntual nos días de maior demanda e exixe unha reformulación integral do transporte público na comarca:
- Axuste de horarios reais: O BNG denuncia que os horarios publicados na web da compañía non coinciden cos servizos reais, xerando graves prexuízos.
- Seguimento dixital en tempo real: Reclámase a implantación dun sistema en liña para consultar a localización e itinerario dos buses en directo.
- Adaptación ás necesidades da veciñanza: Os nacionalistas lembran que as liñas actuais non responden ás necesidades de traballadores, estudantes nin doentes que acoden aos centros sanitarios da Coruña.
Iniciativas no Parlamento de Galicia
O deputado autonómico Oscar Insua lamentou a pasividade do Executivo galego e adiantou a presentación de novas iniciativas na Cámara autonómica. «O Goberno de Rueda debe tomar en serio o transporte público e planificar un servizo digno para Carballo e Bergantiños», manifestou.
Insua subliñou ademais a contradición da política autonómica: «Mentres a Xunta pide usar o transporte público, o servizo é tan precario que os veciños vense obrigados a usar o seu coche particular e a pagar as peaxes da autovía que o PP se nega a eliminar», concluíu.