A deputada de dereitos civís, Sol Agra, destaca que o roteiro permitirá sacar do esquecemento as historias das persoas asasinadas e anuncia unha segunda fase dos traballos de exhumación no cemiterio de Beira.
A Deputación da Coruña participou este sábado na inauguración oficial do “Roteiro da Memoria As Catalinas”, situado na parroquia de Beira, no Concello de Carral, un novo espazo destinado á recuperación, divulgación e preservación da memoria histórica arredor dos feitos represivos acontecidos neste lugar tras o golpe de Estado de 1936.
No acto participou a deputada de Dereitos Civís da Deputación da Coruña, Sol Agra, xunto ao alcalde de Carral, José Luís Fernández Mouriño, e ao presidente da Asociación Cultural Cultura Aberta, Lois Anxo Ferreiro Bestilleiro. A inauguración contou tamén coa presenza de familiares das vítimas e de representantes das persoas e entidades que colaboraron na investigación e na creación do roteiro.
Durante a súa intervención, a deputada de Dereitos Civís destacou a importancia de facer accesible este espazo de memoria e de recuperar as historias das vítimas: “Este roteiro quedará sinalizado para que calquera poda vir percorrelo e coñecer o que aquí sucedeu durante o golpe de estado militar do ano 1936. As historias de vida e de resistencia das persoas que aquí foron asasinadas polo fascismo sairán do esquecemento para que a dignidade da súa memoria teña xusto recoñecemento.”
Sol Agra salientou tamén o compromiso da Deputación coa recuperación dos restos das persoas asasinadas e anunciou que os traballos de exhumación realizados na fosa do cemiterio de Beira terán unha segunda fase nos próximos meses, co obxectivo de continuar coa recuperación dos restos e avanzar na súa identificación para que poidan ser devoltos ás súas familias.
Un percorrido pola memoria das vítimas
O acto de inauguración comezou coa recepción das persoas convidadas e do público. Posteriormente celebrouse unha primeira mesa interpretativa e, a continuación, as persoas participantes percorreron o roteiro, realizando diferentes paradas para coñecer os feitos históricos, as testemuñas, as vítimas e as historias das familias vinculadas a este episodio da represión. A xornada rematou no cemiterio de Beira, cunha ofrenda floral diante do monumento erixido en memoria das vítimas de 1936.
O Roteiro da Memoria As Catalinas ten unha lonxitude aproximada de 1,92 quilómetros e percorre o mesmo camiño polo que os veciños e veciñas da parroquia trasladaban nos seus carros de bois e vacas os corpos das persoas asasinadas nos arredores da canteira ata o cemiterio parroquial.
Ao longo do percorrido instaláronse mesas interpretativas e códigos QR que permiten coñecer os acontecementos que tiveron lugar na zona, as vítimas da represión, as testemuñas e a historia da contorna.
A canteira das Catalinas, situada no monte das Teixoeiras e nas proximidades da N-550, foi escenario dun dos episodios máis duros da represión acontecida en Carral nos primeiros meses posteriores ao golpe de Estado de 1936. Segundo a investigación histórica que sustenta o proxecto, entre o 14 de agosto e o 3 de novembro de 1936 apareceron neste lugar polo menos 18 homes asasinados, vítimas da represión exercida polos golpistas.
Coa sinalización deste percorrido, o proxecto pretende facer visible esta historia e facilitar que a cidadanía poida coñecer os feitos acontecidos en As Catalinas, así como as vidas das persoas que foron vítimas da represión e o sufrimento das súas familias.
A Deputación da Coruña reafirma así o seu compromiso coa recuperación da memoria democrática, a investigación dos feitos represivos e a localización, exhumación e identificación das persoas asasinadas, contribuíndo a que as vítimas e as súas historias ocupen o lugar que lles corresponde na memoria colectiva.