Besteiro acusa a Rueda de privatizar a atención aos maiores: “Catro de cada dez prazas acaban en mans privadas”

O secretario xeral e portavoz parlamentario do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, participou este domingo no XXXV Certame-Exposición de Gando Vacún de Carne de Pedrafita do Cebreiro. Durante o evento, o líder socialista acusou o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, de empregar as residencias de maiores como ferramenta electoral e de apostar por un modelo privatizador. Frente a isto, Besteiro defendeu o modelo público e de proximidade dos socialistas, representado no centro de atención a maiores da rede da Deputación de Lugo neste concello.

«Estamos en Pedrafita acompañando aos gandeiros e gandeiras nunha feira que cumpre xa 35 edicións e que demostra que, cando se apoia o rural, o rural responde», afirmou. Besteiro destacou o impacto desta cita para o concello e toda a comarca, sinalando que dinamiza o comercio e a hostalaría, ademais de recoñecer o traballo do sector primario.

Nesta liña, o voceiro socialista felicitou o alcalde, José Luis Raposo, «que impulsa esta feira desde o principio», e recoñeceu a labor de ACRUGA polo traballo realizado nesta edición e pola organización da poxa de xovencas de raza Rubia Galega.

Apoio ao sector gandeiro ante as restricións sanitarias

Durante a súa intervención, Besteiro fixo referencia a un ano complexo para o sector. As medidas de prevención fronte á dermatose nodular contaxiosa, prorrogadas pola Xunta de Galicia ata finais de setembro, limitan a presenza en feiras a animais procedentes de explotacións galegas e impoñen labores de desinsectación e períodos de vixilancia veterinaria. «Son medidas necesarias, pero supoñen máis esforzo e máis custos para os gandeiros. Ese esforzo extraordinario ten que contar co apoio e a compensación das administracións», defendeu.

Dous modelos de atención á terceira idade

O líder do PSdeG vinculou a situación do rural coa atención á terceira idade: «Pedrafita e o seu alcalde representan moi ben como entendemos os socialistas o rural e a atención aos nosos maiores a través da residencia da Deputación: un modelo de xestión pública, próximo e amable, para que facerse maior non obrigue a ninguén a abandonar a súa terra».

Fronte a esta proposta, contrapuxo «o modelo de macroresidencias que propón a Xunta». «O seu é un modelo privatizador. O noso é o contrario: público, próximo ás persoas e baseado en criterios obxectivos e transparentes», resumiu.

Besteiro sinalou que o Goberno galego debe dar explicacións sobre dous datos clave do novo plan: dos 25 concellos seleccionados, 23 están gobernados polo Partido Popular, e o 40% das prazas previstas poderán quedar en mans privadas, xa que a Xunta só garante un 60% de prazas públicas. «Iso non é reforzar o sistema público», advertiu.

«Imos esixir que a Xunta publique os criterios técnicos e explique por que uns concellos entran e outros quedan fóra», anunciou o portavoz socialista, quen concluíu afirmando que «as residencias teñen que responder ás necesidades das persoas, non á cor política dun concello».

Comparte éste artículo
No hay comentarios