Primeiro triunfo do Arteixo ante un Viveiro que continúa en ceros

Un gol Uwumiro, o xogador cedido polo Bergantiños, permitiu ao At. Arteixo sumar a primeira vitoria da liga. Fíxoo en Viveiro, fronte un equipo con oportunidades. Os pupilos de Marcos Pereiro tiveron desde un tiro ao pau até un indirecto dentro de área arteixán e agora deberán esperar outra xornada máis para conseguir o seu primeiro gol e o seu primeiro punto. Ante os atléticos, que acabaron xogando parte do segundo tempo cun menos pola expulsión de Roibás, deixaron fuxir unha boa ocasión.

Uwumiro desequilibra o partido

Viveiro e At. Arteixo, dous equipos que non coñecían a vitoria, entrontábanse na matinal dominical no Cantarrana-Kiko ey. Entre os dous había unha diferenza importante. Mentres os celestes perderan nas dúas primeiras xornadas, os branco e vermellos afrontaban o partido sen gañar, pero tampouco sen coñecer a derrota logo de dous empates.
O partido foi entretido desde o comezo. Os dous equipos quixeron ter a pelota e xogar na parcela do rival. Junior, por parte local, e Álex Ramos, pola visitante, foron os primeiros en canalizar o xogo ofensivo nas súas bandas, pero logo o xogo ampliouse por todo o campo e as principais ocasión acabarían debuxándose desde a banda contraria.
Non foi un primeiro tempo de ocasións, pero si de expectativas. A primeira importante traduciuse no único tanto do xogo, que sorprendeu a todos, incluída a unha lenta defensa local. O balón correu pola esquerda, o Arteixo gañou presenza coa subida de Roibás, que colocou un centro baixo á área para que Uwumiro fusilara a Atib.
Puido igualar o Viveiro no minuto 35, cando Dani González se fixo cun balón na área que disparar cruzado. O coiro bateu na cepa do poste e, malia que volveu rebotado ao centro da área, todo o mundo ficou paralizado até que un defensa botou o coiro lonxe.
Pouco despois, Uwumiro, en loita permanente cos rivais, probou desde fóra da área, nunha posición máis cómoda. O xute centrado atrapouno Atib. Como se sentira culpabilidade por non apurar máis a xogada anterior, o atacante roubou cunha presión a recepción do primeiro pase da seguinte xogada na parcela do Viveiro, serviu un balón franco para Pablo Ramos, pero o de Ferrolterra rematou mal ao ser desequilibrado na área pola carga dun defensa.
Cando comezaban os tres minutos de prolongamento, Izán tivo a súa ocasión cun disparo na área logo que a xogada ficara embarullada e sen que a defensa atlética puidera sacar a pelota da zona de perigo.
Os locais aínda gozarían dunha máis tras un mal saque de porta de Sergio Varela, pero Roibás estivo rápido para limpar a volea que Arturo se preparaba para executar ante o meta visitante.

Ataques do Viveiro cun máis

O Viveiro comezou o segundo tempo sen conseguir mudar a dinámica do xogo e Marcos Pereiro probou con novos xogadores que deran máis frescura á posesión e aumentaran as finalizacións. Pareceu darlle resultado porque aos 62 minutos, Sergio Varela chapou un potente disparo de Deán desde o bico da área.
Dous máis tarde, noutra acción semellante, foi Izan quen xutou arriba atopándose co desvío do meta, que mandou o coiro alén do traveseiro.
Malia o dominio, o Viveiro non conseguía desequilibrar o sistema defensivo do conxunto dirixido por Noé López. Sergio Cora, un dos xogadores de refresco para quebrar a banda de Roibás, debeu deixar o xogo pouco despois, sen chegar a estar sobre o céspede vinte minutos.
O Viveiro gañou superioridade numérica no minuto 75, cando Roibás recibiu o segundo cartón amarelo. O Viveiro, ante un rival que só deixaba descolgado a Habib, moveu o coiro máis perto da área de Sergio Varela, pero sen crear moitas ocasións até os momentos finais do encontro.
Nos últimos intres, os da Mariña luguesa tiveron dúas grandes ocasións. A primeira, nunha xogada de estratexia, saíu dunha falta lateral na que Rolle pasou en curto a Ferreirós, o disparo deste foi rexeitado en curto pola defensa e Izan, malia que desde o chan non puido empurrar o balón solto, conseguiu un libre indirecto perto da área pequena. Rolle tocouno en curto para Arturo, que estourou o coiro contra a barreira sen lograr o obxectivo do empate.
O choque rematou cunha falta perigosa de Hugo García no lateral da súa área. Rolle executou o libre directo mandando o coiro perto da escuadra da meta arteixán. A continuación rematou o partido.

Ficha

DOMINGO 20/09/2026 (12,00) Campo: CANTARRANA-KIKO REY (250)
VIVEIRO C.F. : 0 – AT. C. ARTEIXO : 1 (0‑1)

VIV : Atib; Esquerdeiro, Jacobo (Teixeira 85’), Chucas, Deán; Dani González [(Sergio Cora 57’) (Juan López 73’)], Baamonde (Ferreirós 73’), Rolle, Izan, Junior (Kike 57’); Arturo. Tre. Marcos Pereiro. (Banco: Mosqueira (g); Xoel; Eijo; Huguito).
ART : Sergio Varela; Casariego [(Barrós D) (Hugo 80’)], Kiko, Antonio, Hugo García, Roibás; Queijeiro, Óscar Varela; Pablo Ramos, Uwumiro (Habib 57‘), Álex Ramos. Tre. Noé López. (Banco: Anxo (g); Dani Fernández; Dani Suárez; Bruno; Úbeda; Jairo).
Goles: 0-1 Uwumiro 27’.
Árbitro: González González (Galiza-Ourense). Auxiliares: González Castelao e Romero Machado.
Disciplina: CA: Casariego 16’; Jacobo 42’; Óscar Varela 44’; Rolle 57’; Izan 61’; Esquerdeiro 71’; Juan López 88: Habib 89’; Arturo 90’; Hugo García 90 / Marcos Pereiro (tre. VIV) 80’ // DA: Roibás 55’ e 75’.

Foto: Uwumiro, que fixo o gol do partido, entre Esquerdeiro e Jacobo. © 21noticias.com

Comparte éste artículo
No hay comentarios