A Inspección de Traballo dá a razón a CCOO e confirma graves deficiencias na nave de Parques e Xardíns de Lugo

A Inspección de Traballo vén de ratificar a existencia de graves deficiencias en materia de seguridade e saúde laboral na nave municipal de Parques e Xardíns do Concello de Lugo, confirmando así as denuncias que o sindicato CCOO viña formulando dende hai tempo.

O requirimento emitido pola Inspección esixe ao Consistorio unha actuación inmediata en diversos puntos críticos das instalacións. Entre os requirimentos figuran a reparación urxente da cuberta da nave —que presenta un importante burato, ademais de filtracións e humidades—, a habilitación adecuada de duchas e vestiarios, a revisión das condicións de orde e limpeza, a actualización dos botiquíns e a revisión e protección dos cadros eléctricos.

Así mesmo, a Inspección de Traballo obriga a realizar avaliacións específicas das condicións termohigrométricas, de iluminación e dos riscos psicosociais aos que está exposto o persoal.

Defesa do traballo sindical e críticas á xestión do Comité

Dende CCOO Lugo lembran que mentres o sindicato advertía destas irregularidades recibiu críticas e acusacións sen fundamento: «Cando denunciabamos estas situacións, houbo quen nos acusou de ser ‘a pinza do PP’. Non eramos a pinza de ninguén; estabamos facendo o noso traballo e defendendo aos traballadores», sinalan dende a central sindical.

O sindicato denuncia ademais que, en lugar de solucionar as deficiencias, se intentou limitar a participación de CCOO no Comité de Seguridade e Saúde mediante a modificación das súas regras de funcionamento —unha decisión que contou coa connivencia doutras decisións sindicais e que actualmente se atopa impugnada por CCOO—. Ante o anuncio do Concello de novas normas para este órgano, CCOO advirte de que «non abonda con cambiar o regulamento, hai que cambiar a forma de funcionar para que detecte riscos e escoite ao persoal, non para cumprir o expediente».

Petición de explicacións sobre o Servizo de Prevención

CCOO diríxese tamén ao novo Goberno de Elena Candia para esixir transparencia e pedir explicacións sobre a actuación do servizo de prevención contratado: «Queremos saber onde estaba o servizo de prevención. Se detectou estas deficiencias, que explique que comunicou ao Concello e cando; e se non as detectou, que explique por que».

Por este motivo, o sindicato reclamou formalmente o contrato do servizo de prevención, as avaliacións realizadas e os informes desenvoltos. «A cidadanía ten dereito a saber en que se gastan os seus cartos e se están ben investidos. Pagar por prevención e acabar cun requirimento da Inspección de Traballo merece unha explicación transparente», conclúen dende CCOO, instando ao Executivo local a «escoitar, negociar e solucionar, en lugar de tentar apartar a quen denuncia».

Comparte éste artículo
No hay comentarios