Os populares explican que “moitas explotacións enfróntanse a dificultades para medrar, non podendo acceder a terreos adecuados de pastos, o que limita a súa capacidade de crecemento e modernización, polo que se podería colaborar con elas cedendo parte destes terreos”.
Os concelleiros do Grupo Municipal Popular de Monforte defenderán no vindeiro pleno ordinario unha moción para que o Concello de Monforte inste á Deputación a coidar e poñer en valor os terreos pertencentes á Finca de Tor, un espazo que “podería cederse a iniciativas gandeiras para aproveitar os terreos, poñelos e valor a axudar a xerar riqueza no municipio e fixar poboación”.
Así o explica o vicevoceiro, José Luis Rodríguez, que recorda que “nós realizamos está proposta, pero sempre supeditada a que a cesión se realice mediante as fórmulas xurídicas adecuadas para garantir a legalidade dos acordos”.
Non é a primeira vez que o Grupo Municipal Popular solicita que os terreos da Fina de Tor se cedan a iniciativas agrogandeiras. “Vemos como moitas explotacións enfróntanse a dificultades para medrar, non podendo acceder a terreos adecuados de pastos, o que limita a súa capacidade de crecemento e modernización”, explicou.
A cesión ordenada e regulada de parte destas terras pertencentes ao Pazo de Tor ás explotacións gandeiras da zona, mediante formulas xurídicas adecuadas (convenios, concesións, etc ) permitiría reforzar a viabilidade do sector gandeiro existente na comarca, así como manter o valor histórico, cultural e, sobre todo, paisaxístico da Finca de Tor que, na actualidade, se encontra a monte e descoidada.
Ademais, este tipo de acordos axudarían a mellorar a imaxe deste espazo, que abrangue unha superficie de 250 hectáreas, está composta por arboredo e parcelas cultivables, así como un amplo estanque de auga.