Os populares de Muras cren que “pospoñer a data de celebración da Feira do Mel da Montaña é unha tomadura de pelo aos produtores” porque “a época da venda do mel é agora, non dentro dun mes ou noutra data”. Nese sentido, dende o Grupo Municipal Popular defenden que “no noso Concellos hai outro moitos lugares onde celebrar a feira” á vista de que as obras de rehabilitación da praza do Viveiró non estarán rematadas para o 19 de novembro.
Dende o PP subliñan a “falta de previsión” xa que “as obras se deberían ter programado para outra época do ano e non para o outono ou o inverno”. E condenan tamén que “o goberno local non apreciase ata agora os prexuízos que causan as obras na praza do Viveiró no día a día. Parece que lles interesa máis o evento que o día a día dos veciños e veciñas”.
Nese sentido, os populares lembran “as queixas dos veciños pola parada do autobús, pola falta de acondicionamento dos accesos provisionais á praza e polo rodeo de varios quilómetros que hai que facer por estar pechada a estrada do Viveiró”.
Os concelleiros sinalan que “o alcalde xa advertiu en varios plenos que mentres non tivera soldo non iba ter a mesma dedicación ca antes” e con esta obra e a posposición da feira “demostra o seu pasotismo e o abandono da veciñanza”.