A Casa-Museo Manuel María organiza para este domingo unha camiñada por Martul

Este domingo, 27 de setembro, a Casa-Museo Manuel María organiza unha camiñada por Martul, no concello de Outeiro de Rei. A descuberta do patrimonio arqueolóxico, artístico e natural desta parroquia miñota será o fío condutor do roteiro queestará acompañado, nalgunhas das súas paradas, por textos e poemas de Manuel María. 

A camiñada, dinamizada polo divulgador cultural Orlando Viveiro, ten unha distancia de 5 quilómetros e unha dificultade baixa. As participantes quedarán ás 9.30, na Casa-Museo Manuel María, en Outeiro de Rei, para se trasladar en automóbeis até o inicio do percurso. A andaina ten unha duración aproximada de tres horas

No decorrer do itinerario poderá verse o monumento funerario da Pena Dereita, construción megalítica que olla o devalar da existencia desde o fondo dos tempos; o asentamento castrexo das Penas do Castro, con aquela serpe mítica acubillada no imaxinario colectivo; o complexo hidráulico conformado polo Muíño do Eusebio xunto cos restos do Batán situados no regato Cal de Rei, afluente do Ladra; a Casa Grande de Cartel, arrodeada de pombal e de capela, escoitando o xorrar cantareiro da fonte que subministra auga a este núcleo de poboación; e elementos da arquitectura popular, propios do noso patrimonio cultural, nomeadamente a Igrexa de Martul, con detalles románicos de interese. 

A actividade é gratuíta. As persoas interesadas en participar deben inscribirse en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou a través do whatsapp 698177621.

Comparte éste artículo
No hay comentarios