Balseiro sinalou que “Sánchez xa non pode mirar para outro lado: Lugo perdeu 4.270 autónomos desde 2018 e o Goberno ten competencias directas para actuar”.
A Comisión de Traballo e Economía Social do Senado aprobou este mércores sen votos en contra -co voto a favor do PP e a abstención do PSOE- a iniciativa do Grupo Popular que reclama ao Goberno de España a posta en marcha dun plan de choque específico para frear a perda continuada de traballadores autónomos na provincia de Lugo.
A iniciativa foi defendida polo senador lucense e portavoz de Traballo do Grupo Popular, José Manuel Balseiro, que advertiu que “Lugo perde traballadores autónomos de forma sostida” e acusou ao Executivo de Pedro Sánchez de “mirar para outro lado” ante un problema sobre o que o Estado ten competencias directas sobre “protección social, boa parte da fiscalidade, unha parte moi relevante das obrigas administrativas e reguladoras que soportan os traballadores autónomos”.
O popular sinalou o contexto no que teñen que traballar, investir e manter abertos os seus negocios e incidiu en que “Lugo leva oito anos maltratado polo sanchismo: acumula atrasos e carencias en infraestruturas clave que son responsabilidade directa do Goberno de España como as estradas nacionais deterioradas” e autovías incompletas ou “condenados a non ter AVE, cun ferrocarril con menos frecuencias que fai unha década e esperando para completar actuacións tan básicas como a electrificación”. Nese sentido, subliñou que “as infraestruturas tamén son competitividade”.
Balseiro lembrou que a situación das infraestruturas viarias e ferroviarias incide nos “custos para as empresas, na súa capacidade para atraer investimento, nas posibilidades para que un autónomo distribúa os seus produtos e chegue aos seus clientes e na decisión de manter o seu negocio aberto ou non”.
MANDATO AO GOBERNO
Coa aprobación da iniciativa, a Comisión traslada ao Goberno un mandato parlamentario para avaliar de maneira específica as causas da perda de autónomos en Lugo e, a partir dese diagnóstico, impulsar medidas dirixidas ao autoemprego, á consolidación dos negocios, á formación, á dixitalización e ao relevo xeracional.
“Queremos saber en que sectores se concentra a caída, que peso ten a falta de remuda xeracional, que obstáculos están impedindo a continuidade de negocios viables e que medidas pode adoptar o Goberno de España. E a partir dese diagnóstico, esiximos un plan de choque específico para a provincia de Lugo”, explicou.
O popular lembrou durante o debate que Lugo conta actualmente con 30.582 autónomos, un 0,61% menos que hai un ano, mentres Galicia medra un 0,10% e España aumenta un 1,87%. A evolución a medio prazo é aínda máis negativa: desde agosto de 2018 a provincia perdeu 4.270 traballadores autónomos, máis dun 12% do colectivo.
O senador lucense insistiu en que “as particularidades de Lugo non poden converterse na coartada para non actuar”, e lembrou que o Goberno de España regula o RETA, as cotizacións e a Seguridade Social e dispón de competencias relevantes en materia de protección social, fiscalidade e regulación.
MOCIÓN FROITO DE XORNADAS DE TRABALLO CON AUTÓNOMOS
Juan Serrano incidiu, pola súa parte, en que “esta moción é froito de varias xornadas de traballo con autónomos de Lugo” e engadiu, en alusión ao senador socialista, César Mogo, que “vostede ese tipo de reunións non as ten”. Nese sentido, convídao a “coñecer un pouco mellor a provincia de Lugo e velar polos intereses dos autónomos da provincia”.
De feito, sobre as continuas acusacións aos senadores populares da provincia de “mentir”; o popular subliña que “a única mentira é que vostede viva en Lugo” porque, en realidade, “só vai de vacacións”.