O BNG de Baralla organiza un acto informativopara aclarar dúbidas á veciñanza sobre o “catastrazo”

A formación nacionalista celebrará este sábado 26, ás 20.00 horas, no Centro Sociocultural de Baralla, un acto aberto á veciñanza para informar sobre o catastrazo que se vai aplicar no concello.

Neste acto informativo baixo o título “Volve o catastrazo do Concello”, vaise dar resposta  as comunicacións que estan a recibir estes días pola veciñanza reclamando o pagamento de atrasos do Imposto sobre Bens Inmobles (IBI).

O acto será impartido por Eduardo Álvarez, profesor xubilado e licenciado en Dereito, que explicará a situación daqueles terreos que anteriormente tributaban como rústicos e que, tras a actualización catastral, pasaron a facelo como urbanos, mesmo en casos nos que non contan cos servizos necesarios para poder construír.

Durante o encontro abordarase por que se producen estas reclamacións, que posibilidades teñen as persoas afectadas e que actuacións poden desenvolverse desde o Concello, tanto no ámbito do planeamento urbanístico como na ordenanza fiscal do IBI.

O BNG de Baralla lembra que leva tempo reclamando un novo planeamento urbanístico que delimite correctamente os núcleos rurais e os terreos realmente urbanos, así como bonificacións no IBI que permitan aliviar a carga económica sobre a veciñanza.

Desde a formación nacionalista animan a todas as persoas afectadas ou interesadas a participar no acto para resolver dúbidas e coñecer con detalle unha situación que está a ter consecuencias económicas para numerosas familias de Baralla.

Comparte éste artículo
No hay comentarios