No pleno ordinario celebrado o luns 21 de setembro de 2026 debateuse a aprobación da Conta Xeral do Concello de Valga correspondente ao exercicio 2025. A Conta Xeral é o documento que recolle a situación financeira e a execución do orzamento; é dicir, permite coñecer con precisión como xestionou o diñeiro público o Goberno municipal. A análise realizada polo BNG de Valga sobre este documento revela datos que amosan con claridade cales son as prioridades do Partido Popular na xestión das contas municipais.
No referente aos gastos, a aplicación orzamentaria dedicada a «atencións protocolarias e representativas» —destinada a cubrir custes de ceas, comidas, viaxes, hoteis ou xoiería— contaba cunha partida inicial de 7.000 euros. Con todo, o gasto final acadou os 24.489,30 euros, o que supón un incremento do 250 % respecto do previsto. En contraposición, a partida dedicada ao «mantemento de infraestruturas e bens naturais» —orientada á conservación de parques, xardíns e espazos verdes municipais— contaba con 80.000 euros iniciais, dos cales só se executaron 6.372,19 euros, un 92 % menos do orzamentado.
En relación cos ingresos, a Conta Xeral deixa cifras preocupantes que evidencian unha falta de rigor na elaboración das previsións. Segundo o orzamento, estimábase unha recadación de 280.000 euros polo imposto sobre construcións, instalacións e obras (ICIO), vinculada ao desenvolvemento dun parque empresarial e á totalidade do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM); porén, ingresouse un 50 % menos do proxectado. En «multas e sancións» en materia de limpeza de fincas, seguridade viaria e urbanismo, a recadación quedou en só 140,82 euros, case un 100 % por baixo do previsto. Así mesmo, nas altas e inspeccións da taxa de sumidoiros, con 25.000 euros previstos, o ingreso final foi de 0 euros, mentres que na taxa por «prestación de servizos deportivos» recadáronse apenas 103,50 euros fronte aos 20.461,69 euros estimados.
Todas estas anomalías foron expostas en forma de preguntas por Fran Devesa, voceiro municipal do BNG de Valga, e dirixidas directamente ao alcalde co obxectivo de coñecer os motivos de tales desviacións orzamentarias. Sin embargo, e como vén sendo habitual, o Goberno municipal declinou ofrecer explicacións ao respecto. «Os números son os que son. Nós preguntamos porque queremos saber en que se gastan os cartos de todos e de todas. Como é habitual, non recibimos explicacións, polo que os datos están aí e cada veciño e veciña pode sacar as súas propias conclusións», sinala Fran Devesa.
En termos de execución real, o actual Goberno municipal destinou un 384 % máis —case catro veces máis— á partida de protocolo que á de mantemento de parques e xardíns. Esta comparativa resulta moi significativa, pois amosa con clareza as prioridades do executivo local á hora de xestionar os recursos públicos. Para o BNG de Valga é imprescindible reforzar a transparencia das contas municipais e reorientar a xestión cara ao mantemento do espazo público, os servizos sociais e, en definitiva, a atención ás necesidades reais da veciñanza de Valga.