O parón do primeiro equipo dálle protagonismo á canteira.
O descanso do Ineltrón Santo Domingo Betanzos, o primeiro equipo sénior do club, traslada o foco da xornada do club betanceiro aos compromisos de canteira, unhas citas nas que destaca, tras a eliminación na Copa dos cadetes de J. Caamaño Arquitecto, o partido do outro conxunto de primeira división do club: o infantil feminino de Warnier Informática. O conxunto dirixido por Javier Codesido e Alía Ortega, que vén de recuperarse cunha vitoria a domicilio en Calasanz da derrota ante Basquet Coruña da primeira xornada, terá ocasión de medirse o sábado ás 12h (pavillón Municipal José María Valeiro “Tocayo”), cunha das canteiras máis senlleiras do país: o Estudiantes Lugo. As lucenses, que sumaron dúas derrotas nas dúas primeiras semanas de liga, intentarán buscar a primeira nun encontro no que as betanceiras mirarán por buscar confirmar as boas sensacións da última xornada.
O resto da fin de semana trae ás canchas ao infantil masculino de Diego Folla e Emma López, tras o seu debut este xoves en Santa María do Mar, nun partido que o ha enfrontar, tamén na casa, o sábado ás 10h ao CB Arteixo Duacode, e ao Decornaveira Cadete feminino, de Javier Codesido, que visita a pista do Compañía de María.
Polo que toca aos júnior, a xornada do domingo, toda en Betanzos, programa un duelo comarcal dos rapaces de Antonio Díaz “Doc” e Inés Varela contra Golfiños Sada (12h) e un enfrontamento das júnior feminino de Javier Cotelo e Roi Louzán contra o mesmo rival ca as súas compañeiras do equipo cadete: o Compañía de María (19h).