O BNG celebrou este mércores en Palas de Rei unha charla aberta para analizar as eivas do sistema sanitario e a situación das farmacias de garda. No encontro participaron a portavoz de Sanidade do BNG no Parlamento galego, Montse Prado, e o responsable local da formación, Rubén Lois.
Durante a xornada denunciouse o modelo actual de quendas farmacéuticas no rural, que obriga a pacientes atendidos nun Punto de Atención Continuada (PAC) a percorrer de noite máis de 60 quilómetros para obter os medicamentos prescritos. Ao respecto, Prado lembrou a iniciativa parlamentaria do BNG para esixir que exista sempre unha oficina de garda no mesmo concello onde estea operativo un PAC ou servizo de urxencias. “Aínda que son de propiedade privada, as farmacias prestan un servizo público esencial e deben garantir a equidade de acceso, especialmente para as persoas maiores ou sen transporte”, sinalou.
Un deterioro «planificado» do servizo público
A deputada nacionalista denunciou que as carencias da sanidade pública responden a unha estratexia política deliberada: “Non foi un tsunami o que levou ao persoal médico dos centros de saúde; hai unha planificación para deteriorar o sistema público e empurrar á cidadanía cara á sanidade privada”. Prado defendeu o carácter redistributivo da sanidade e a urxencia de reforzar a Atención Primaria en zonas rurais.
Pola súa banda, Rubén Lois subliñou as dificultades específicas dos concellos do interior e reclamou medidas adaptadas ao territorio: “Vivir no rural non pode significar ter menos dereitos. Precisamos servizos públicos e unha discriminación positiva pensada para a realidade de Palas de Rei”.