O Concello presenta o programa completo das patronais de Lugo, con 346 actividades para un “San Froilán para todos”

O Concello de Lugo presenta o programa definitivo do San Froilán 2026, que reúne 346 actividades e que xa pode consultarse na súa totalidade en sanfroilan.info As festas celebraranse do 4 ao 12 de outubro, cunha programación ampla e diversa, pensada para todas as idades e para diferentes formas de vivir as patronais.

O programa articúlase arredor da idea dun «San Froilán para todos», con música, verbenas, cultura tradicional, propostas familiares, actividades de rúa, mocidade, deporte e unha ampla presenza das agrupacións e artistas locais. Unha programación gratuíta nos escenarios municipais e con propostas repartidas por diferentes puntos da cidade.

Un dos primeiros momentos destacados das patronais será o pregón do domingo 4 de outubro, ás 12.00 horas, a cargo de Sonsoles Ónega, desde o balcón da Casa do Concello.

O pregón dará paso, ás 12.30 horas, a Os Pelúdez entre nós, os Xigantes e Cabezudos e Cantigas e Frores, que percorrerán a praza Maior e diferentes rúas do centro da cidade.

Un San Froilán máis amable e accesible

O programa incorpora este ano un apartado específico para facer do San Froilán unhas festas máis amables e accesibles, con tres medidas:

  • Festas sen foguetes. Non haberá fogos artificiais con cohetes, como medida para reducir o impacto do ruído nas festas e facilitar a participación de persoas e animais especialmente sensibles.
  • A hora sen ruído. Do 4 ao 12 de outubro, entre as 17.00 e as 18.00 horas, as barracas reducirán o ruído para ofrecer durante ese período unha experiencia máis tranquila no recinto feiral.
  • Préstamo de cascos antirruído. O programa contempla tamén o préstamo de cascos para reducir o impacto do ruído e facilitar o acceso ao recinto ás persoas que o precisen.

    47 propostas no San Froilán Miúdo

A programación infantil e familiar reúne 47 actividades, con espectáculos, música, xogos, propostas itinerantes e actividades creativas.

Entre elas figuran as actuacións itinerantes de Diminuts e Carrusel Ambulante. A cativada poderá disfrutar dos espectáculos de Pica Pica, Triplette, La Caixeta, Zirco Zaurre, , Xogos ao Grande, Xogar de Breogán e a Granola Gominola ou o concerto de Uxía Lambona e a Banda Molona, previsto para o domingo 11 de outubro ás 18.30 horas, no patio do Edificio Administrativo do Concello.

Os nenos e nenas de Lugo xa puideron conectar co espíritu das festas grazas aos Pelúdez que onte completaron as súas 30 visitas a centros educativos, escolas infantís e ao HULA.

A mocidade contará neste San Froilán con propostas como o espazo Hip Hop, San Froidance, Electronic Lucus Fest,

Concertos, Verbenas e música local

A programación musical mantén diferentes escenarios e ambientes, con concertos gratuítos, música tradicional, artistas galegos e unha ampla presenza de formacións e artistas locais.

As 13 orquestras repartiranse por catro localizacións ao longo dos nove días de festas, con verbenas todos os días. Na Praza Maior actuarán Marbella, Principal, Los Satélites, Acordes, Grupo Beatriz, Punto Clave, América, Suavecito, Escaparate e Costa Dorada; a programación contará tamén con París de Noia en Augas Férreas, Panorama City no Agro do Rolo e La Panorama en Sanfiz.

A Praza de Santa María contará con programación propia vinculada á música tradicional, á cultura galega e ás agrupacións locais, con presenza de corais, bandas, gaiteiros, zanfonas, danza e outras propostas culturais.

O San Froilán contará tamén con 17 actividades deportivas, que achegarán a competición a diferentes instalacións e espazos da cidade. O programa inclúe propostas de xudo, fútbol sala, voleibol, baloncesto, tenis, golf, atletismo, fútbol, billar, petanca e automobilismo, con citas como o 51º Trofeo San Froilán de Judo, o XXV Torneo de Tenis, o XXX Torneo de Golf, a III Milla Urbana Lucus, encontros do Breogán, do CD Lugo e do Ensino, así como o 48 Rallie San Froilán, entre outras.

O programa reúne tamén 19 propostas no apartado de outras actividades, con iniciativas vinculadas á artesanía, á gastronomía e á cultura, entre elas a Feira de Artesanía e Gastronomía Gastroarte, con participación de diferentes profesionais. Na Mosquera se montará unha feira de antigüidades.

A programación incorpora ademais propostas repartidas por diferentes espazos e barrios da cidade, para que o San Froilán se viva máis alá dos grandes escenarios.

Como novidade haberá un espectáculo de drons o último día das festas.

Benvida ao recinto ferial e apertura o sábado das barracas e casetas

Como novidade desta edición, na entrada do recinto feiral colocarase «Alento», unha escultura de madeira dun gaiteiro de grandes dimensións do escultor Xoán Vila que representa a figura dun gaiteiro.

A peza estará situada no punto no que habitualmente se instalan os romanos do Arde Lucus, na rotonda de Ramón Ferreiro, e servirá como novo elemento de benvida ao recinto.

Por outra parte, este sábado abren as barracas e as casetas do polbo
Precisamente mañá, sábado 26 de setembro, abrirán as barracas e as casetas do polbo, dous dos elementos máis recoñecibles e vinculados á identidade do San Froilán e que volverán converter o recinto feiral nun dos principais puntos de encontro das festas.

Agradecementos
Un programa que é tamén froito de moitos meses de traballo
Detrás destas 346 actividades hai tamén moitos meses de traballo. O Concello quere agradecer especialmente ao equipo da Concellería de Cultura o esforzo, a coordinación e a dedicación necesarios para facer posible a confección deste programa, así como a todas as persoas, colectivos, artistas, entidades e profesionais que contribúen ao desenvolvemento das festas.

Patrocinadores oficiais

O Concello agradece tamén a colaboración das empresas e entidades que participan como patrocinadores oficiais do San Froilán 2026: Corporación Hijos de Rivera, Caixa Rural Galega SCCLG, Abanca, Calfensa Proyectos SL, Cafés Candelas SL, Gadisa Retail SLU, Grupo Leche Río SA, Hallman, Dmanan, Quirón, Froiz e Comunicación del Territorio.


Toda a programación, con horarios e localizacións, pode consultarse xa en sanfroilan.info.

Comparte éste artículo
No hay comentarios