A investigadora Uxía Fernández-Pérez analiza a historia climática conservada nun lago da Serra da Estrela (Portugal) e revela o papel clave do Atlántico Norte nas precipitacións.
As chuvias que recibimos no oeste da Península Ibérica dependen en boa medida do que sucede no Atlántico Norte. Un novo estudo liderado pola investigadora do CICA da Universidade da Coruña Uxía Fernández-Pérez reconstrúe como cambiaron as precipitacións nesta rexión durante os últimos 11.000 anos e permite comprender mellor os mecanismos oceánicos e atmosféricos que condicionan a chegada de humidade ao noso territorio.
O traballo, publicado na revista “Paleoceanography and Paleoclimatology”, parte dos sedimentos acumulados durante milenios no lago Peixão, na Serra da Estrela (Portugal). A investigación é froito do proxecto internacional HOLMODRIVE iniciado en 2018 e liderado polo investigador do CICA Armand Hernández, no que participa un equipo científico de España, Portugal, Alemaña, Suíza e Canadá. No estudo participa tamén o investigador do CICA Roberto Bao.
11.000 anos de historia das chuvias
Os resultados amosan que o clima do oeste peninsular estivo lonxe de ser estable. Ao longo dos últimos 11.000 anos sucedéronse períodos máis húmidos e máis secos, relacionados en gran medida con cambios na circulación do Atlántico Norte.
A posición das rutas polas que circulan as borrascas atlánticas, xunto con outros procesos oceánicos e atmosféricos, determinou durante milenios a cantidade de humidade que chegaba ao oeste da Península. Esta conexión resulta especialmente relevante para Galicia, un territorio cun clima fortemente condicionado pola influencia atlántica.
O estudo non reconstrúe directamente as precipitacións galegas, pero permite comprender os grandes mecanismos que condicionan a súa variabilidade e proporciona unha perspectiva de miles de anos coa que poñer en contexto os cambios actuais.
Un arquivo climático no fondo dun lago
Para viaxar tan atrás no tempo, o equipo analizou compostos procedentes das ceras das plantas que quedaron preservados durante miles de anos nos sedimentos do lago. A súa composición química conserva información sobre as precipitacións e a dispoñibilidade de auga no momento no que medrou esa vexetación, permitindo reconstruír as condicións de humidade moito antes de que existisen estacións meteorolóxicas.
Esta mirada ao pasado permite coñecer a variabilidade natural das precipitacións e comprender mellor como responde o oeste peninsular aos cambios que se producen no Atlántico Norte. Un coñecemento especialmente relevante nun contexto no que a evolución das chuvias e a dispoñibilidade de auga son cuestións cada vez máis importantes para Galicia e para o conxunto da Península Ibérica.