A Deputación de Lugo resalta os proxectosde empresarias lucenses no networking celebrado no Parque Central de Galicia

A deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, participou este sábado nunha xornada sobre networking organizada pola Asociación de Empresarias da provincia de Lugo (AELU).

A deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, participou este sábado nas aulas do Parque Central Centro Xeográfico de Galicia, na xornada “Networking na Ulloa”, organizada pola Asociación de Empresarias da provincia de Lugo, en colaboración coa Deputación, que cedeu o espazo.

Este encontro de traballo foi todo un éxito ao congregar a unha vintena de mulleres empresarias de Lugo, pertencentes a distintos sectores, nunha xornada que serviu para dar a coñecer os seus modelos de negocio, fomentar sinerxías e compartir experiencias de cara a avanzar nos seus proxectos empresariais. 

A deputada provincial e alcaldesa de Antas de Ulla destacou “o éxito desta iniciativa e puxo a AELU como exemplo de referencia do talento feminino que hai na nosa provincia”. Neste senso, as participantes procedían maioritariamente da comarca da Ulloa así como da cidade de Lugo ou Vilalba.

A deputada estivo acompañada pola presidenta de AELU. Juana Eiroa Díaz; a vicepresidenta, Luz Divina Castelo Rey e diversas vogais da asociación, que tamén expuxeron as súas experiencias empresariais, xunto ao resto de participantes.

Tras a presentación das propostas e proxectos empresariais abriuse un espazo de debate e posta en común de ideas. A xornada finalizou cunha mostra e unha cata de produtos locais aportados por diversas socias de AELU.

Comparte éste artículo
No hay comentarios