¡Que grande idea !: “A penaltis” da Radio Galega desfacendo o país

Imaxinen a escena nun despacho de San Marcos. Varias mentes privilexiadas arredor dunha mesa, un par de cafés servidos polo calvo xa fríos e a gran pregunta sobre a mesa: «Oye, e se dinamitamos en doce meses o que a redacción de Deportes tardou corenta anos en construír?». Dito e feito. «Enfrontamos ás dúas afeccións e así teremos máis oíntes». Esqueceu o craneoteco ao que se lle ocorreu tan xenial idea, que os afeccionados de ambos os dous Clubes son moito máis intelixentes do que el pensa, defenden o seu con paixón, si, pero non entran ao trapo duns poucos que só lle miran para o peto en vez de traballar por unir a Galicia.

Ás veces hai xeniais profesionais que merecen un monumento á entrada do estudio, e a de privatizar o programa deportivo nocturno da Radio Galega é, sen dúbida, unha delas. Para que contar cos xornalistas e os técnicos da casa, eses profesionais que levan décadas informando con rigor, coñecen cada campo da xeografía galega e teñen a mala costume de querer facer xornalismo, se podes subcontratar o servizo fóra e traer o show xa enlatado? Onde vai parar.

O máis triste é o que se agacha detrás do programa, cos teus cartos, sí, dos teus impostos, contrátanse producións para os amigos. Programas feitos ben lonxe de San Marcos, non vaia ser que o chan recén lavado se ensucie coa lama das botas deses xornalistas que patearon todos os campos de Galicia.

Pero o verdadeiro toque de mestre da dirección da CSAG non foi só privatizar o servizo. O auténtico brinco calitativo foi o cambio de liña editorial. A aposta por dous xoves xornalistas responde unicamente ao seu talento, preparación e ambición profesional. Con todo, como é habitual na RG e TVG, e do mesmo xeito que ocorre coa figura do calvo furriel da milil, a liña editorial e os contidos van marcados estritamente pola xefatura de deportes. Iso si que é servizo público do bo. En lugar de unir, de vertebrar o deporte galego desde a afección e o respecto, a brillante estratexia pasa por esporear artificialmente, noite tras noite, a engoufiada entre celtistas e deportivistas. Unha marabilla. Unha desas ideas que só se lle ocorren a quen confunde a radio de todas e todos os galegos cun reality show de quinta categoría, ou cun clube de luces de cores nunha estrada secundaria.

Fomentar a desunión de duas aficións, cargarse o modelo histórico do deporte na RG, prescindir dos profesionais propios, privatizar a caldeirada e regalar o prestixio construído durante décadas… De verdade, apertas para quen ideou o plan. Nin feito a propósito tería saído tan ben.

E para os poucos desconfiados que aínda se pregunten como se xustifica todo este descalabro desde a liña editorial, que non se preocupen, xa abrirá o Bos Días mañá explicando que a culpa de que se privaticen programas na radio, programas de televisión, de que a escaleta dos informativos de RG e TVG a bendiga Alfonso Rueda, e de que o Celta e o Dépor non se poidan ver nin en pintura, é única e exclusivamente de Pedro Sánchez. Faltaría máis. Con iso, o expediente queda limpo e o chan de San Marcos, aínda máis relucente.

A redacción de Deportes da Radio Galega non se improvisou nun despacho nin nunha produtora externa. Construíuse campo a campo, domingo a domingo, cunha aliñación de lenda que os oíntes se sabían de memoria como se fora a do Celta de Mostovoi ou a do Súper Dépor: Alfonso Pardo, Andrés Vieites, Emilio González, Gonzalo Soto, Javi Torres, Kiko Novoa, Miguel Gómez, Paco Santos, Pedro Pablo Alonso, Raúl Villares, Roberto Carlos Carballo, Rodrigo Pérez Pardo, Terio Carrera, Xaime Arias, Xaime Escudeiro, Xenaro Sánchez, Xesús Lodeiro, Xoán Galán, Xosé Antonio Martínez, e unha longa lista de colaboradores que fixeron de Galicia en Goles o santo e seña do deporte galego na Radio Galega.

Para os desmemoriados, o programa nocturno de deportes da Radio Galega chegou a ter 78.500 ouintes diarios. Saúdos cordias e bo acougo.

Comparte éste artículo
No hay comentarios