Un gol de Arturo antes do descanso e un penalti transformado por Teixeira no prolongamento, deron os primeiros goles e puntos da temporada ao Viveiro. O conxunto de Marcos Pereiro soubo sufrir diante dun rival que volveu a mostrar a fraxilidade defensiva e ao que lle entrega a lanterna vermella. O At. Coruña, que empatou momentaneamente grazas a un penalti cometido sobre Gaye e transformado por el mesmo, deixa a sensación de sempre: fai un gran traballo ofensivo, pero ten un xogo tan heteroxéneo que concede demasiadas cousas aos rivás na parte de atrás.
Á terceira vai a de Arturo
Partido entre os dous últimos que inicialmente, no que respecta ao xogo, non mostrou ese perfil baixo co que comezaron a competición.
O At. Coruña foi quen abriu as hostilidades axiña. Cañi, desmarcado pola esquerda, chegou perto do pau para cruzar un disparo que taparon Atib e Jacobo. Logo, no oito, o meta de Casabranca estirou o brazo para sacar baixo o traveseiro unha potente cabezada de Dani.
O partido non daba tregua e o Viveiro, repregado pola intensidade ofensiva local, puido montar unha contra que rematou Baamonde cun pase a Arturo. O punta orientou desde a frontal e mandou un disparo que salvou Moreno cunha boa estirada no minuto trece.
Superado o cuarto de xogo, Moreta gañou a banda até o curruncho, o seu perigoso centro abaixo foi desviado por Atib e Xoel Vilariño, tras recollelo perto da media lúa, xutou alto.
Non se arredou o cadro mariñán, que volveu ter en Arturo o seu referente ofensivo, O xute do ariete visitante, polo centro e desde a frontal, rexeitouno de fronte Moreno, Logo sería Luis Castro quen taparía o disparo de Izan desde case o mesmo lugar.
O dito fala que á terceira vai a vencida e esa foi para o capitán vivairense. Os visitantes volveron saír á contra e Arturo, en condución, antes de pisar área, golpeou na perpendicular ao seu pau. A pelota rozou nun defensa e superou a Moreno no minuto 40. Era o primeiro tanto celeste da temporada e como tal foi celebrado.
Postes, penaltis e emoción
O Viveiro puido anotar o segundo gol no arrinque do segundo tempo. Moreno saíu a despexar lonxe un pase profundo ao que non chegou Arturo e Rolle, desde o círculo central, mandou unha vaselina chea de suspense que rozou o traveseiro.
O At. Coruña, que incorporara a tres novos no intermedio, buscou o gol cun xute potente e demasiado alto de Luis Castro no minuto 56.
Non perdeu o ímpeto ofensivo o conxunto corazonista, que obrigou a unha estirada imprevista a Atib pouco despois para salvar un gol que se materializaba lambendo a barra superior do marco.
Antes da hora de xogo, beneficiándose do prolongamento dun córner, Tomé xutou ao pau da meta visitante.
Un novo ataque local pola dereita concluíu cun centro de Cañi ao corazón da área onde Gaye foi agarrado e derrubado por Jacobo. A vítima da falta lanzou o penalti e asinou o empate.
Faltaba un cuarto de partido para que o cadro herculino, que era o posuidor da pelota, puidera materializar a remonta. Os de Jairo Arias porfiaron na tendencia de procurar os centros desde a dereita, tendo en conta a precisión do pé de Cañi, pero Jacobo e Izan estiveron seguros para protexer a área.
O Viveiro, á contra, tamén tivo as súas en dous disparos desde dentro da área de Rolle e Teixeira que levaron o mesmo ángulo aberto para ir distanciándose da meta.
No prolongamento, a defensa local relaxouse, permitiu a entrada cómoda de Huguito pola esquerda e, ladeado, foi derrubado por Samu na área cando ía xutar. O penalti transformouno Teixeira, aínda que Moreno estivo a piques de chegar ao coiro.
Aínda tivo tempo para empatar o At. Coruña, pero o partido non estaba para eles e a volea no segundo pau de Gaye bateu no pau antes do asubío final.
Ficha
DOMINGO 27/09/2026 (12,30) Campo: JUAN ACUÑA NAYA (250)
AT. CORUÑA MONTAÑEROS C.F. : 1 – VIVEIRO C.F. : 2 (0‑1)
COR : Mofreno; Moreta, Samu, Tomé (Longueira 69’), Luis Castro; Jorge Otero (Ogando D), Pablo Martínez, Xoel Vilariño (Iago Pérez D), Dani, Cañi; Otero (Gaye D). Tre. Jairo Arias. (Banco: Anxo (g); Mario; Antón; Pablo Fernández; Enjamio).
VIV : Atib; Ferreirós, Jacobo, Izan, Esquerdeiro; Dani González (Xoel 80’), Juan López (Eijo 73’), Rolle (Teixeira 87’), Baamonde, Dean (Huguito 73’); Arturo (Junior 80’). Tre. Marcos Pereiro. (Banco: Mosqueira (g); Dani; Bruno; Hugo Rey).
Goles: 0-1 Arturo 40’; 1-1 Gaye 69’(p); 1-2 Teixeira 90’(p).
Árbitro: Miguens Santiago (Galiza-Santiago). Auxiliares: García Mallo e Quintana Pereiro.
Disciplina: CA: Juan López 66’; Jacobo 68’; Baamonde 88’; Junior 89’.
Foto: Cañi tentando superar a un opoñente. © 21noticias.com