Carmen José López, Olga Iglesias e Miguel Gallego reclaman a cobertura de prazas para garantir a seguridade dos veciños e tamén dos peregrinos do Camiño Francés que multiplican a poboación da comarca.
Representantes do Partido Popular da provincia de Lugo, encabezados por senadores e deputados nacionais, reclaman ao Goberno de España a cobertura inmediata das vacantes existentes no cuartel da Garda Civil de Sarria e nos postos da comarca.
Os senadores José Manuel Balseiro e Juan Serrano anunciaron o rexistro de iniciativas parlamentarias tanto no Senado para reclamar ao Ministerio do Interior que complete os cadros de persoal, durante unha visita a Sarria acompañados pola deputada nacional Cristina Abades; a portavoz do PP de Sarria, Carmen José López; a alcaldesa de Triacastela, Olga Iglesias; o portavoz popular de Samos, Miguel Gallego, ademais doutros representantes institucionais e orgánicos do partido ante a preocupación pola “falta de efectivos e as consecuencias que esta situación ten para a seguridade no rural e no Camiño de Santiago”.
Segundo explicou Balseiro, o cuartel de Sarria ten asignado un catálogo de 21 efectivos, pero actualmente existen 5 prazas vacantes, 2 baixas de longa duración e 5 axentes que, aínda que figurando adscritos ao posto, prestan servizo noutros destinos, principalmente na Comandancia de Lugo.
O senador lucense advertiu de que “de 21 efectivos que debería ter este cuartel, na práctica só conta con 9 para atender permanentemente a Sarria e outros concellos da zona”, unha situación que considerou especialmente preocupante nun territorio polo que discorre o Camiño Francés e que incrementa notablemente a súa poboación en determinadas épocas do ano.
A provincia de Lugo conta cun catálogo de 1.092 efectivos da Garda Civil, dos que 167 permanecen sen cubrir, o que supón arredor do 17% da plantilla. “O problema da Garda Civil na provincia de Lugo é que non se cobren as prazas”, sinalou, engadindo que “o cuartel de Sarria tiña a plantilla completa no ano 2018 e, como este, a maioría dos cuarteis da provincia. Pero, hoxe, esa realidade xa non existe”.
SEGURIDADE PARA A COMARCA
Pola súa parte, a portavoz do PP de Sarria, Carmen José López, lembrou que os populares continúan defendendo a creación dun posto principal da Garda Civil no municipio, aínda que insistiu en que a prioridade inmediata é cubrir as vacantes existentes.
“Non podemos seguir cunha situación na que máis da metade das prazas do catálogo non están operativas. Isto está provocando unha sobrecarga de traballo para os axentes e afecta directamente ao servizo que se presta aos veciños da comarca”, afirmou.
A alcaldesa de Triacastela, Olga Iglesias, expresou a súa preocupación pola falta de efectivos nunha comarca eminentemente rural e cun importante tránsito de peregrinos. “Instamos ao ministro do Interior a cubrir as prazas vacantes. Necesitamos que os veciños do rural, das aldeas e dos pobos da comarca se sintan seguros e tamén que o Camiño de Santiago siga sendo un itinerario seguros para os peregrinos”, indicou.
No mesmo sentido se pronunciou o portavoz do PP de Samos, Miguel Gallego, quen lembrou que o seu municipio é unha parada clave do Camiño Francés e que durante os meses de verán a poboación se multiplica. “Esta situación esixe un maior esforzo por parte das forzas de seguridade. Pedimos ao señor Marlaska que se acorde dos concellos da comarca e cubra as prazas vacantes, tanto no posto de Samos como no cuartel de Sarria, do que depende boa parte do servizo que recibimos”, concluíu.