A investigación analizará a viabilidade económica, a xestión e as oportunidades denegocio de ambas as infraestruturas para fortalecer a cadea de valor agroalimentaria da provincia.
A deputada de Emprego, Medio Ambiente e Política Demográfica da Deputación da Coruña, Rosa Ana García, acompañou hoxe a un equipo da Universidade de Harvard na súa visita ao Centro Colaborativo e de Transformación Alimentaria de Baroña. A xornada forma parte dunha investigación que analiza a sostibilidade económica a longo prazo de espazos de transformación agroalimentaria como os que implantou a Deputación en Baroña e Brión, ambos integrados na Rede Provincial de Coworking. O equipo visitará mañá o centro brionés.
O estudo busca identificar fórmulas que permitan consolidar estas infraestruturas compartidas, que facilitan que os pequenos produtores locais transformen e comercialicen os seus produtos, xerando maior valor engadido e oportunidades de emprego no rural. Para iso, o equipo avaliará os servizos que ofrecen, os seus modelos de xestión e as posibilidades de desenvolver novas liñas de negocio.
Durante a visita, Rosa Ana García, deu a benvida ás alumnas e salientou a importancia desta colaboración “para dar a coñecer e mellorar o modelo de centros de transformación que aplicamos na provincia da Coruña e que nos sitúan como referentes en economía cirular no medio rural”.
A singularidade dos centros de Baroña e Brión e o seu interese como exemplos de boas prácticas motivaron a súa selección para este caso de estudo, titulado “Sostibilidade económica dunha infraestrutura colaborativa de transformación alimentaria”. O traballo enmárcase no programa de aprendizaxe experiencial Global Consulting Practicum, vinculado ao Máster en Sustainability and Development da Harvard Extension School e coordinado desde España polo Institut de Recerca Urbana de Barcelona (IDRA).
O director do Master, Michael Mortimer, sinalou que “este caso de estudio aborda el desafío de la despoblación del rural desde un enfoque innovador. Muchos de los desafíos son comunes a otras zonas del mundo, como la despoblación, los incendios o la gestión forestal. Son desafíos difíciles pero esperamos contribuir a afrontarlos”
A investigación, que se desenvolverá entre setembro e decembro de 2026, estará a cargo dun equipo multidisciplinar de estudantes baixo a supervisión do profesorado e do equipo académico do programa. O informe final, previsto para finais de ano, servirá de base para definir un modelo de funcionamento viable a longo prazo que poida adaptarse a outras iniciativas de transformación agroalimentaria.
A visita a Baroña forma parte do traballo de campo que o alumnado realiza en Galicia entre o 28 de setembro e o 5 de outubro. A xornada comezou cunha recepción institucional e unha presentación sobre os usos tradicionais e os aproveitamentos sostibles dos recursos da comunidade local. A continuación, o equipo desprazouse ao monte de Baroña para coñecer sobre o terreo os sistemas de gandería extensiva e os aproveitamentos forestais e agrogandeiros da zona.
O percorrido rematou cunha visita técnica ás instalacións do centro, concibido para que os pequenos produtores poidan transformar e comercializar produtos cárnicos na súa propia contorna. Esta infraestrutura é a incorporación máis recente á Rede Provincial de Coworking da Deputación e o seu único espazo especializado na transformación de produtos gandeiros.
O equipo visitará mañá o centro Transformando en Brión para coñecer a súa actividade e experiencia neste ámbito.
A rede de cocorking da Deputación da Coruña conta actualmente con doce espazos de traballo colaborativo, tres deles obradoiros de transformación agroalimentaria (en Baroña, Brión e Moeche), cos que facilita o acceso a instalacións e recursos compartidos para impulsar o emprendemento e a actividade económica no territorio.