A CGT chama a tomar as rúas de Coruña pola vivenda

A sección da CGT na Coruña fai un chamamento á súa afiliación e ao conxunto da cidadanía a participar na manifestación convocada para o 3 de outubro, ás 19:00 horas —con saída na confluencia da Ronda de Outeiro coa avenida das Conchiñas—, e a sumarse a todas as accións necesarias para poñer fin ao negocio da vivenda.

Para facer fronte a unha crise habitacional que está obrigando a clase traballadora a destinar gran parte dos seus salarios ao pago do aluguer, o sindicato colabora estreitamente co Sindicato de Inquilinas e coa Plataforma polo Dereito á Vivenda. O desbocado aumento dos prezos está a deteriorar as condicións de vida e dificultando o acceso a unha vivenda digna.

Desde a organización sindical subliñan a conexión directa entre emprego e carestía da vida: «A mellora das condicións laborais e salariais ten que ir acompañada dunha baixada dos prezos da vivenda, dos alimentos e dos produtos básicos. Se o custo da vida continúa aumentando, calquera incremento salarial acabará nos petos dos rendistas, dos especuladores e dos grandes empresarios, en vez de traducirse nunha mellora real das nosas condicións de vida».

Así mesmo, a CGT rexeita osparches institucionais: «Non queremos medidas cosméticas nin solucións temporais. Precisamos cambios estruturais que poñan fin á especulación e garantan unha vida digna. Non podemos aceptar que unha necesidade básica se converta nunha fonte de beneficio para uns poucos mentres cada vez máis persoas teñen dificultades para chegar a fin de mes».

Desde o sindicato lembran que a vía para acadar conquistas sociais é a rúa: «Os dereitos non se conquistan agardando, senón organizándonos e mobilizándonos. A presión social é imprescindible para conseguir avances reais e mellorar as condicións de vida da maioría traballadora».

Por todo isto, a CGT insiste no chamamento a encher as rúas da Coruña este 3 de outubro.

Comparte éste artículo
No hay comentarios