Monte comunal para o Celta: Desenvolvemento de Galicia ou pelotazo urbanístico con fondos públicos?

A Xunta de Galicia vén de aprobar definitivamente a expropiación de case 15 hectáreas de monte comunal en Pereiras (Mos) para a primeira fase do proxecto Celta360. Na práctica, isto significa que terreos propiedade de todos os veciños da parroquia pasarán a formar parte dun macrocomplexo deportivo e de lecer xestionado polo Real Club Celta de Vigo, coa Administración actuando como garante e executora da expropiación.

Véndennos isto como un “proxecto de interese autonómico” que traerá emprego e desenvolvemento. Mais cómpre dicilo claro: estase a empregar unha ferramenta pensada para obras de utilidade pública —a expropiación forzosa— para favorecer un proxecto cun marcado compoñente privado e comercial.

O que está a pasar, en linguaxe veciñal

Segundo a resolución publicada no DOG, a Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes acorda a expropiación de 148.833 metros cadrados no monte veciñal de Pereiras. Ao declarar a “urxencia de ocupación”, a lexislación permite que, unha vez notificado e depositado o prezo (o justiprecio), a ocupación sexa efectiva de xeito inmediato, aínda que existan reclamacións xudiciais pendentes sobre a valoración.

Os afectados dispoñen unicamente de 20 días desde a notificación individual para manifestar se están conformes ou non coa cuantía económica, pero non para paralizar a expropiación. É dicir: poden discutir canto lles pagan, pero non se lles quitan o monte.

Non estamos a falar de terreos dun particular calquera, senón de monte veciñal en man común: un ben colectivo e inalienable da parroquia e de toda a comunidade de montes de Pereiras.

Por que é lexítimo ser crítico (sen perder os pés no solo)?

Desde UCIN Mos queremos ser moi claros:

  • Non estamos en contra do Celta como club.
  • Non estamos en contra de que haxa instalacións deportivas de calidade.

O que cuestionamos é como se está a facer e que modelo de territorio se está a construír. Tras os eslóganes oficiais, existen tensións reais insostibles:

  • Expropíase monte comunal para un proxecto cuxo peso privado é evidente (lecer, comercio e negocio).
  • A narrativa oficial promete emprego e crecemento, mais o custo real asúmenolo os comunores.
  • O municipio de Mos contempla a transformación de solo rústico protexido nun gran complexo privado, mentres a veciñanza de Pereiras sofre a ocupación urxente do seu patrimonio natural.
  • Existen precedentes e litixios paralelos (como o conflito da residencia Doral e os aparcamentos) que demostran que esta operación arrastra sombras e falta de acordos transparentes.

Ser obxectivo non significa ser neutral ante todo. Significa recoñecer o que di a lei, cales son os beneficios para cada parte e que riscos reais existen para o interese xeral.

O que defendemos desde UCIN Mos

  1. Non nos opoñemos ao Celta nin ao deporte de calidade.
  2. rexeitamos o uso partidista do poder público para instrumentalizar a expropiación en beneficio dun proxecto mercantil a grande escala.
  3. Exiximos transparencia e debate real: se este proxecto é tan beneficioso para Galicia, debe explicarse con datos rigorosos, someterse a un debate público serio e garantir que os custos non recaigan de forma desproporcionada sobre os comunores e sobre o municipio de Mos.

O interese xeral non pode medirse unicamente en metros de céspede ou en promesas laborais abstractas. Tamén conta:

  • Que modelo de territorio queremos deixar.
  • Quen decide o destino do monte comunal.
  • Que garantías reais ten a veciñanza fronte a grandes operacións impulsadas desde despachos alleos ao municipio.

Un chamamento á responsabilidade

Instamos á Xunta de Galicia, ao Concello de Mos e ás forzas políticas con representación parlamentaria a:

  • Facilitar información accesible e completa sobre o impacto real do proxecto Celta360 no territorio, o tráfico, os servizos, o emprego e o medio ambiente.
  • Abrir canles de participación efectiva para a veciñanza e os comunores, máis alá dos trámites administrativos formais.
  • Garantir que o interese xeral non se confundas co beneficio de grandes operacións corporativas promovidas desde fóra do concello.

Mos non é un solar baleiro dispoñible para grandes especulacións. É un municipio con veciños, con comunores, con historia e cun lexítimo dereito a decidir o seu futuro.

Desde UCIN Mos manteremos o noso compromiso de informar, vixiar, actuar na defensa do ben común e acompañar a veciñanza en todo o que estea nas nosas mans.

Comparte éste artículo
No hay comentarios