Javier Castiñeira lembra que o compromiso adquirido en 2018 polos gobernos do PP no Concello e de Rajoy quedara xa plasmado nun anteproxecto,
O PP celebra o inicio da rotonda de Cangas, pero lembra ao Goberno de Sánchez que “leva oito anos de atraso“. De feito, “era un compromiso do ano 2018 por parte dos gobernos do PP no Concello e no Goberno de España que quedara plasmado nun anteproxecto”, segundo lembra o portavoz do PP de Foz, Javier Castiñeira, que lamenta que o Goberno de Sánchez tardara oito anos en materializar”.
“A mellora da accesibilidade aos núcleos de Cangas de Foz era unha reivindicación veciñal que escoitamos dende o goberno local do Partido Popular. Incluso representantes da asociación de veciños de Cangas mantiveran unha reunión co subdelegado do Goberno que se comprometera con estas actuacións. Pouco despois o anteproxecto estaba feito. Pero o Goberno de Sánchez mantivo paralizada esta rotonda dende o 2019 poñendo cada día unha desculpa”, explica o popular.
Para Castiñeira, “xa era hora de que deran comezo estas obras tan demandadas polos veciños e veciñas da parroquia de Cangas”.
RECLAMACIÓNS NO SENADO
Pola súa banda, o senador mariñán José Manuel Balseiro considera que “as reiteradas iniciativas e preguntas formuladas polo PP no Senado contribuíron a desbloquear unha actuación que levaba anos pendente”.
Balseiro valora que “finalmente comecen os traballos de mellora da seguridade viaria na N-642 en Cangas”, pero advirte da necesidade de que a execución da obra vaia acompañada dunha correcta planificación do tráfico.
O Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible prevé afeccións á circulación ata o 30 de novembro, con tráfico alternativo e itinerarios de desvío durante distintas fases dos traballos.
Neste sentido, Balseiro reclama que “o Goberno planifique con coherencia e sentidiño as restricións de tráfico e adopte todas as medidas necesarias para garantir a fluidez da circulación”.
“É un itinerario frecuente dos que se trasladan a traballar ao Hospital, a Alcoa ou ao Porto de Burela, entre outros destinos”, lembra o senador.
“Agora o importante é executar ben a obra. Unha actuación necesaria non pode volver converterse nun problema para os usuarios da N-642, con atascos interminables e molestias como as que xa sufriron durante a execución da primeira rotonda”, conclúe.