O Baxi Ferrol métese na fase de grupos de Eurocup cun capicúa sobre o Beroe (85-58)

O Baxi Ferrol estará na fase de grupos da Eurocup por terceira campaña consecutiva, O cadro da cidade naval cumpriu o esperado obxectivo gañando a un diminuído Beroe con facilidade. O cadro galego, malia os quince puntos de vantaxe conseguidos en Bulgaria, non se confiou e marcou máis diferenza desde os primeiros instantes. Coas visitantes esgotadas, sen que Stoyanovska puidera manter o ritmo anotador, as galegas puxeron máis distancia no derradeiro cuarto.

Dous grandes minutos de Galičková

Á vantaxe de quince puntos traídos polo Baxi Ferrol de Bulgaria engadiuse outra, inesperada, que tamén beneficiaba ao equipo galego. A francesa Turmel ficaba fóra do partido desde o comezo por unhas molestias físicas.
En canto ao xogo, o conxunto galego tomou vantaxe axiña. Dous minutos e cuarto demorou o Beroe en pedir o primeiro tempo logo do espectacular comezo do Baxi Ferrol, cunha Galičková imparable., A checa anotou oito dos dez primeiros puntos locais, repartidos entre un mismacht na pintura e dúas triplas.
O partido estabilizouse nesa diferenza e os once, máxima vantaxe do primeiro cuarto lograda por unha canastra de Priede logo do ecuador do mesmo (8-19). Só na parte final baixou o Beroe a desvantaxe grazas a unha eficaz zona e os acertos en ataque de Stoyanovska.
Unha tripla de Shaw deu novamente os nove arriba para as ferrolás tras unha xeira de oito tiros errados en xogo. Malia todo, os problemas de tiro continuaron e o cadro búlgaro conseguir ficar a seis logo do tiro libre anotado por Kucowski para fechar os dez primeiros minutos.

Šotolová, todo comeza outra vez por Chequia

O comezo do segundo cuarto foi unha sucesión de erros de tiro do Baxi Ferrol, compensados polos sete rebotes ofensivos acumulados só en dous ataques. O mellor dentro dese xogo anárquico contra a zona foron os tres acertos de Šotolová. Unha penetración a táboa de Shaw valeu para aumentar a máxima vantaxe galega a 6:18 do descanso (33-21). Unha tripla de Castedo abriría máis a fenda, que no global da eliminatoria xa era de trinta puntos. O final do cuarto semellou o remate do anterior. Logo do tirón local, estando a piques de dobrar no marcador ás rivais (40-21), o cadro balcánico reaccionou para ficar a doce puntos.

Stoyanovska mantén ao Beroe no partido

O comezo do segundo tempo foi con tripla de Šotolová e o primeiro acerto da croata Belošević. Como nos anteriores, un parcial de 7-2 obrigou axiña a pedir tempo a Gospodinov. Beroe reaxustou a zona e cun roubo con entrada a táboa e unha tripla no seguinte ataque, tendo sempre de protagonista a Stoyanovska, recuperou o perdido no terceiro cuarto. Shaw rebaixou progresivamente a súa porcentaxe de acertos alén dos 6,75 (rematou cun un de nove), pero quebrou a xeira nunha contra con penetración asegurando a bandexa na táboa. Tanto erro impediu que o Baxi Ferrol plasmara de xeito máis evidente a diferenza técnica e de forza sobre o conxunto de Stara Zagora, que tiña en Stoyanovska á xogadora do partido ao anotar 24 dos 47 puntos do seu equipo.

Todo decidido, que xoguen as nenas

O último cuarto comezou con tripla de Doolan, pero tamén apareceu Stoyanovska, que fixo cinco puntos consecutivos. O da súa tripla púñaa cun incuestionable cinco de dez desde a longa distancia. O Baxi Ferrol refíxose en ataque e superou os vinte de distancia cunha tripla de Martínez, outra, con tiro adicional, de Castedo e unha máis de tres de Galičková (76-53). Lino López deu minutos a Permuy e Baldonedo na parte final do xogo.
O Baxi Ferrol métese na fase de grupos como nas súas dúas anteriores participacións.

Ficha

XOVES 01/10/2026 (20,15) Campo: A MALATA (1.500)
BAXI FERROL : 85 – B.K. BEROE : 58 (23‑17) (42-30) (63-47)

BAX : Šotolová (14), Shaw (9), Belošević (4), Galičková (15), Eke (6) – cinco inicial -, Permuy (0), Martínez (5), Castedo (8), Melia (5), Priede (8), Baldonedo (0), Doogan (11). Tre. Lino López.
BER : Stoyanovska (30), Madankova (2), Katanić (12), Kucowski (6), Gunnels (4) – cinco inicial -, Karaivanova (0), Petrova (4), Grigorova (0). Tre. Nikolay Gospodinov. Non xogaron: Turmel, Bakalova.
Árbitros: Coanus (Francia), Martins (Portugal), Buttet (Suíza).
Eliminadas: Non houbo.

Foto: Doogan lanzando a canastra. © FIBA

Comparte éste artículo
No hay comentarios