Olympiakós, Mersin, actual campión, e Ślęza serán os rivais do Baxi Ferrol no grupo D da Eurocup

Superado o trámite da eliminatoria previa, logo de derrotar ao Beroe por 42 puntos no global dos dous partidos, o Baxi Ferrol afrontará un complicado calendario na fase de grupos da Eurocup feminina.
Todos serán viaxes longos para xogar contra o Olympiakós grego, o Mersin turco, actual campión da Eurocup, e o Ślęza polaco. Será a primeira vez que o cadro dirixido por Lino López xogue contra os tres equipos e, dos tres países, o heleno é o único que aínda non visitou o conxunto ferrolán para celebrar un partido oficial.
Será tamén un duro test para as galegas no deportivo, que medirán a súa forza contra tres equipos de moito potencial.

Ślęza Wroclaw

O cadro de Breslavia é o actual campión da Copa polaca. Acaban de comezar o campionato ligueiro vencendo por 53-86 ao Wisla con vinte puntos da estadounidense Gaston, que acaba de chegar do Braine, e 19 de Rutkowska, unha promesa de vinte anos que ficha procedente do Poznan.
O seu técnico é Arkadiusz Rusin e xoga nun moderno pavillón, o Ślęza Arena, cunha capacidade para 1.176 espectadores.

Mersin

O actual campión da Eurocup ten un plantel cargado de experiencia, con xogadoras experimentadas como Akbas, Atas, Ural, a ucraína Iagupova e as africanas Diaby e Thomas, todas con máis de trinta anos e a maior parte delas novas no club.
Sen embargo, quen será a súa indiscutible figura será a francesa Carla Leite, acabada de chegar da WNBA, que estará´dous anos na capital da rexión turca do Mediterráneo, a quen o Baxi coñece ben da final que disputou hai dúas campañas contra o Villeneuve d’Ascq. O seu técnico é Ceyhun Yildizoglu.
Xoga no Servet Tazegül, con capacidade para 7.500 persoas.

Olympiakós

O outro cadro ao que se enfrontará o Baxi é unha das randes sociedades polideportivas gregas. O pseudónimo do Olympiakós dío todo:“thrylos” (a lenda). Na pasada campaña ficaron terceiras da liga grega, por atrás do Athinaikós, campión nacional e subcampión da Eurocup, e do seu grande rival histórico, Panathinaikós.
Aínda non comezaron a liga, pero cando o Baxi viaxe a Grecia as do Olympiakós virán de xogar no Piireo o superclásico heleno contra o histórico rival da capital. As súas principais novidades son Lambert, procedente do BLMA, Anastasopoulou, do Athinaikós e Sakellariou, do Proteas. O seu teito é a española Lola Pendande, de 1,92 metros. Hai dúas temporadas gañaron todos os trofeos nacionais gregos.
Xogan no histórico pavillón Eleftheria Moschatou de Moschato, un suburbio ateniense próximo ao Pireo. O recinto pode acoller 800 seareiros.

O calendario:do grupo D

Xornada 1
14/10/2026: Olympiakós-Baxi Ferrol (19,00 h.l. // 18,00 h.g.)
15/10/2026. Mersin-Ślęza

Xornada 2
21/10/2026.Ślęza-Olympiakós
22/10/2026.Baxi Ferrol-Mersin

Xornada 3
28/10/2026. Olympiakós-Mersin
29/10/2026. Ślęza-Baxi Ferrol (18,30)

Xornada 4
03/11/2026. Mersin-Ślęza
04/11/2026. Baxi Ferrol-Olympiakós

Xornada 5
25/11/2026. Mersin-Baxi Ferrol (20,00 h.l. // 18,00 h.g.)
26/11/2026. Olympiakós-Ślęza

Xornada 6
03/12/2026. Baki Ferrol-Ślęza
03/12/2026. Mersin-Olympiakós

Foto: O Baxi Ferrol celebra a clasificación para a fase de grupos da Eurocup tras derrotar ao Beroe na Malata. © FIBA

Comparte éste artículo
No hay comentarios