Ambos artistas e profesores expoñen 30 obras en “Como na casa en ningures”, que se inaugurará o luns ás 19 horas, e poderase visitar ata o 20 de outubro.
A Asociación Área Empresarial do Tambre (AAET) inaugurará o luns, 5 de outubro, a exposición conxunta “Como na casa en ningures” dos artistas Anxo Varela e Mariano Casas. O acto inaugural celebrarase ás 19:00 horas no Centro Empresarial do Tambre.
Os artistas expoñerán 30 pinturas de formato mediano que amosan os diferentes estilos de ambos creadores. Partindo da figuración e da cidade e o espazo construído como referente común, Mariano Casas exhibirá collagesonde utiliza pinturas de todo tipo, mentres que a obra que exporá Anxo Varela, profesor de debuxo e deseño artístico, será máis pictórica. Ademais, Mariano Casas –pintor, ilustrador e profesor na Escola de Arte e Superior de Deseño Mestre Mateo de Santiago– presentará o cómic book «Esto lo hace mi hijo de seis años», unha especie de manual de instrucións para entender mellor a arte.
Segundo explica Casas, “Como na casa en ningures” foi o título escollido para a mostra, que parte da idea do espazo urbanizado con referencia central da exposición: a casa, o barrio, a cidade. “As miñas obras teñen un enfoque crítico coa idea do turismo masivo que mudou os usos tradicionais das nosas cidades, e que afecta a nosa convivencia e benestar. Formulo cuestións, en particular, sobre en que se converteron os nosos cascos históricos e zonas vellas, algo que en Santiago temos moi presente. O tema da casa é algo cada vez máis candente. O feito de ter un teito no que vivir converteuse nun luxo e non nun dereito garantido, porque prevalece o uso lucrativo, turístico ou especulativo. Queremos por en valor as catro paredes que nos rodean e as moitas máis paredes que nos seguen rodeando e creando un espazo común con outras persoas, os nosos veciños. Hoxe a palabra veciño case está perdendo o seu sentido, e de iso debería ir o de vivir nunha cidade, de convivir cos nosos veciños”, destaca Casas.
Pero o tema da casa tamén é para os artistas unha posta en valor do taller, o espazo íntimo do artista, a súa casa, onde transforma unhas cousas noutras, crea e destrúe ata chegar a conseguir o que quere transmitir. De aí a referencia nas obras ás imaxes de Do It Yourself de Ikea.
A concepción do taller como unha casa
Anxo Varela (Ferrol, 1969) e Mariano Casas (Madrid, 1971. Residente en Santiago) coñécense desde os anos 90, cando cursaron xuntos a primeira promoción da Facultade de Belas Artes de Pontevedra. A súa andaina na arte descorreu desde entón por camiños e lugares diferentes, aínda co sinais de identidade que foron paralelas e que, décadas despois, conservan certos puntos en común. Primeiro, o seu achegamento á pintura desde a figuración, e a concepción desta como un oficio, sen concesións aos pesados dogmas da súa licenciatura.
Os artistas relatan que na facultade insistíase na idea de que a arte pode facerse cun teléfono, e non era necesario que o artista se manchase as mans, pero Varela e Casas sempre consideraron a arte asociada ao taller, ao contacto directo cos materiais, e ao convencemento de que a fabricación do obxecto artístico é indivisible da súa ideación. Así que a concepción do taller como unha casa, o fogar, o refuxio do artista é o que máis teñen en común estes dous creadores, ao igual que a súa concepción de casa como un obxecto urbanístico e unha peza da paisaxe urbana. “O espazo común como é a veciñanza, o pobo, a cidade, e a paisaxe, creada polas persoas coas súas grandezas e miserias, é tamén outro punto en común da nosa obra”, sinalan.
Outro elemento que comparten Varela e Casas é a convicción de que a arte é un instrumento suficientemente poderoso para comunicar ideas sen recorrer á recitación de teorías que sobreexpliquen o que xa se está vendo.
A mostra poderase visitar ata o 20 de outubro na sala de exposición do Centro Empresarial do Tambre, en horario de luns a venres de 9:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 19:00 horas (recoméndase avisar previamente da visita no teléfono 981 55 28 50).