Todo parece estar dito xa -para ben ou para mal- desta película que, coma todo o que trascende o cotián, divide entre admiradores ou detractores. Moitos máis dos máis dos primeiros, a tenor das boas críticas e da masiva afluencia ás salas para visionala. Non fai falla ser expertos cinéfilos para darse conta do ben feita que está, dunha dirección que encumbrará máis se cabe aos xa afamados «Los Javis».
Sobrecolle nada máis comezar, con esceas que prometían un mundo menos mísero pero chegan cargadas de morte e desolación. De esperanza truncada e soidade, dun mundo onde a palabra «liberdade» será pura quimeira ou, peor, sinónimo de fusilamento en calquera amencer a carón dunha tapia ou unha praia. O amor secuestrado, impío a ollos dese fascismo de a deus rogando e co mazo dando, que se daba a gran vida mentres o pobo dicía «Arriba España» para non acabar nunha fosa común. A represión envolta nunha fotografía magnífica, imposible de agochar e que arrepía en cada fotograma. A negación do propio ser para non verse rexeitado, apaleado ou mesmo asasinado, futuro roubado a tantas xeracións pretéritas só porque así o quixo unha guerra. Sometidos e aterrorizados, tratando de sobrevivir nun escenario onde estar vivo non sempre significaba vivir. Leccións que parecemos ter esquecido nestes anos, como lle pasa a Alberto na película, a quen custa asimilar, desde a súa perspectiva na España democrática e libre, o acontecido con seu avó nos anos escuros. Lorca de fondo, poesía e unha banda sonora que atravesa como unha bala. Unha desas que mataba ao poeta pero creaba á lenda. Todo iso nunha película que non divide para vencer, senón para facer que volvamos a pensar.