A opinión pública galega, que como nación periférica, amosa unha fonda conciencia solidaria e migratoria, asiste a miúdo con frustración á aparente impunidade que rexe nas relacións internacionais diante das maiores atrocidades humanas. Porén, o desenvolvemento do Dereito Internacional conta desde hai máis de dúas décadas cun fito xurídico sen precedentes na loita contra a barbarie: o Tribunal Penal Internacional (TPI). A súa andaina, lonxe de ser un camiño doado, reflicte a loita entre a lóxica do poder e o imperativo de construírmos unha xustiza universal.
O TPI naceu formalmente o 1 de xullo de 2002, logo da entrada en vigor do Estatuto de Roma de 1998, un tratado multilateral que hoxe conta coa adhesión de 124 Estados. A diferenza dos tribunais ad hoc de Núremberg ou Toquio, erixidos polos vencedores trala Segunda Guerra Mundial, ou dos creados polo Consello de Seguridade da ONU para a antiga Iugoslavia e Ruanda, o TPI instituíuse como o primeiro órgano xudicial permanente e independente con capacidade para xulgar os crimes máis graves que afectan á comunidade internacional: o xenocidio, os crimes de lesa humanidade, os crimes de guerra e o crime de agresión. A súa xurisdición gobérnase polo principio de complementariedade, intervindo única e exclusivamente cando os tribunais propios dun Estado non poden ou non queren actuar de xeito real.
Porén, a arquitectura do Estatuto de Roma atopa a súa maior febleza na persistente resistencia das grandes potencias mundiais que teiman en situar a súa soberanía estatal por riba da xustiza universal. Estados Unidos, Rusia e China son os líderes da listaxe dos Estados que non integran o TPI. Washington asinou o tratado pero non chegou ratificalo, chegando promulgar leis internas para protexer ao seu persoal militar diante de calquera investigación da Haia; Moscova retirou a súa sinatura no 2016 trala condena á anexión de Crimea. Pola súa banda Pequín mantense fóra rexeitando a xurisdición obrigatoria. Tampouco forman parte potencias de relevo como a India, Israel ou o groso dos países do mundo árabe, o que limita xeograficamente a eficacia do tribunal e alimenta as acusacións de asimetría na aplicación do Dereito Internacional. Porén, a meirande parte dos Estados latinoamericanos (e, á fronte, Brasil e México), Xapón, Corea do Sur, Canadá, Nova Celandia e Australia fan parte do seu núcleo duro.
Esta debilidade estrutural faise máis evidente ao analisarmos o complexo procedemento de execución das ordes internacionais de prendemento desta Corte . O TPI é un tribunal estritamente xudicial que carece dunha forza policial propia ou dun corpo de seguridade para executar as súas decisións. Cando a súa Sala de Cuestións Preliminares emite unha orde de detención, a obriga de arrestar ao sospeitoso e remitilo á sede do TPI alicérzase exclusivamente na cooperación voluntaria e na asistencia xurídica dos 124 Estados partes, consonte co artigo 86 do Estatuto de Roma. Se un acusado achégase a un Estado asinante do Tratado de Roma, ese Estado ten o deber legal de detelo. Porén, se calquera Estado incumpre esta obriga, o TPI só pode emitir unha declaración de non cooperación e remitir o caso á Asemblea de Estados Partes ou ao Consello de Seguridade da ONU, un órgano adoito bloqueado polo dereito de veto das grandes potencias, entre eles EUA, China e Rusia, que-como xa dixemos- non recoñecen a xurisdición do TPI.
Malia estas limitacións loxísticas, o TPI activou nos últimos tempos os casos máis transcendentais da súa historia, desafiando directamente a impunidade global. Entre os casos activos máis recentes compre salientarmos a orde de arresto emitida contra o presidente ruso Vladimir Putin polos crimes de guerra relacionados coa deportación ilegal de nenos ucraínos, que alicerzou a resposta do Kremlin para requirir prender á presidenta actual do TPI.. Nun xiro dunha semellante transcendencia, a Fiscalía da Haia solicitou de xeito formal ordes de detención contra do primeiro ministro israelí, Benjamin Netanyahu, e o seu exministro de Defensa, Yoav Gallant, xunto altos líderes da organización Hamás, acusándoos de crimes de guerra e de lesa humanidade no contexto do conflito de Gaza.
Estas investigacións sitúan ao TPI no centro do debate xeopolítico mundial, demostrando unha afouteza xurídica que racha coas acusacións históricas de actuar só contra líderes de estados deprimidos. E, neste taboleiro fragmentado, a Unión Europea (UE) emerxe como o principal valedor e pulmón financeiro do multilateralismo penal. A cosmovisión europea, polo menos até de agora, alicerzouse na superación dos nacionalismos excluíntes e na primacía do dereito sobre a forza. Velaí que convertera o apoio ao TPI nun piar fundamental da súa acción exterior. Para Bruxelas, a defensa do tribunal non é unha opción retórica, senón unha obriga estrutural para consolidar unha orde internacional baseada en regras. A UE non só financia-polo de agora- de xeito maioritario o sostemento da Corte da Haia-Scheveningen, senón que introduce de xeito sistemático a esixencia de cláusulas de adhesión ao Estatuto de Roma nos seus acordos de cooperación con terceiros países, actuando como un motor difusor da xustiza global.
As perspectivas de futuro do TPI sitúanse nunha encrucillada histórica de extrema fraxilidade. O risco real cara ao futuro é que o TPI devale nun instrumento de xeopolítica asimétrica se non consegue materializar o arresto de líderes protexidos pola agresión trumpisto-sionista ou polo autoritarismo ruso, chinés, iraniano ou árabe.
Para a nosa Galicia e para a Europa que acredita na dignidade humana, o fortalecemento do TPI é un imperativo ético irreversíbel. Fronte á desorde global e o retorno da impunidade estatal, a consolidación desta Corte de Xustiza constitúe a única ferramenta xurídica para que a xustiza universal deixe de ser unha utopía e pase a ser unha realidade protectora para todos os pobos da Terra. Velaí que cumpra loitar ferreñamente contra a agresión do agresor Trump, que ven de sancionar á presidenta do TPI, a esgrevia xurista xaponesa Tomoko Akane, mesmo chegando prender aos funcionarios de calquera Estado que tenten cuestionar a súa xurisdición.