Formoso reivindica no foro “Territorios que lideran” a importancia da política municipal para mellorar a vida das persoas

O presidente da Deputación da Coruña sitúa o municipalismo no centro do debate sobre o futuro do territorio e defende a autonomía local, a innovación e a proximidade como claves da acción política local.

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, reivindicou hoxe no foro “Territorios que lideran”, organizado pola Facultade de Ciencias Políticas da Universidade de Santiago de Compostela, a capacidade dos concellos e das deputacións para impulsar a transformación económica e social desde a proximidade á cidadanía. “A política máis directa e cercana, e moitas veces tamén a máis difícil, faise desde os concellos para transformar a realidade da cidadanía”, afirmou.

Formoso participou na mesa redonda “Experiencias transformadoras”, xunto ao alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane; o alcalde da Pontenova, Darío Campos Conde; e o concelleiro de Vivenda e Turismo Sustentable de Santiago, Iago Lestegás. Neste espazo de debate sobre o liderado desde o territorio, compartiu a experiencia das Pontes ante a transición enerxética e o cambio de modelo impulsado na Deputación da Coruña desde 2015.

O presidente provincial defendeu que os gobernos locais deben contar con recursos e capacidade de decisión para responder aos retos de cada territorio. A proximidade, sinalou, “permite identificar as necesidades da veciñanza, pero tamén esixe ofrecer respostas concretas e render contas de maneira directa”. Neste sentido, puxo en valor o papel da Deputación para que os concellos pequenos e medianos poidan mellorar os servizos públicos e desenvolver proxectos que xeren actividade económica e emprego.

A transformación das Pontes foi un dos exemplos que centrou a súa intervención. Como alcalde, Formoso explicou o desafío que supón construír un novo futuro industrial nun municipio marcado durante décadas pola actividade da central térmica. Un proceso que require atraer novos investimentos e converter a transición enerxética en novas oportunidades.

Segundo indicou, o concello afronta este cambio malia os atrancos burocráticos que dificultan a materialización dalgúns proxectos. Defendeu, ademais, unha participación activa da administración local nas novas iniciativas enerxéticas.

Esta concepción do liderado local ten tamén o seu reflexo na xestión provincial. Formoso explicou que o goberno que preside desde 2015 impulsou unha Deputación máis implicada nas políticas sociais, no apoio ás persoas emprendedoras e na creación de oportunidades para que a mocidade poida desenvolver o seu proxecto de vida sen ter que buscar oportunidades fóra.

Nese cambio situou “apostas como o Plan Único, o Plan de Emprego Local (PEL) ou a creación do Coruña Estudio Inmersivo”, tres iniciativas coas que exemplificou a capacidade da institución provincial coruñesa para innovar e dar resposta a necesidades moi diversas.

O Plan Único representa, segundo destacou, unha transformación na relación cos concellos. “Un plan que asigna os fondos en base a criterios obxectivos, sen ter en conta a cor política dos gobernos municipais, que deixa que os concellos decidan as súas prioridades e que ademáis pasou nesta década de goberno progresista de 25 millóns a máis de 150 millóns investidos cada ano nos 93 concellos da provincia”, explicou Formoso. “Unha cifra que –para que podamos enmarcar a súa importancia- supera ao que destina a Xunta de Galicia, a través do Fondo de Cooperación Local, aos 313 concellos galegos”, explicou.

No ámbito do emprego, destacou o PEL como unha ferramenta para apoiar a contratación, fortalecer as pequenas empresas e facilitar a posta en marcha de novos negocios. Segundo os datos expostos durante a súa intervención, o programa impulsou a creación de máis de 8.000 postos de traballo e apoiou 1.800 empresas, cun investimento superior aos 126 millóns de euros. A esta iniciativa súmase unha rede de 12 espazos de coworking que acollen 260 empresas e ofrecen acompañamento ao emprendemento. O obxectivo, explicou, é que as persoas con ideas e capacidade para poñelas en marcha atopen oportunidades na provincia e “xa non teñan que emigrar para desenvolver a súa actividade”.

Formoso referiuse tamén ao Coruña Estudio Inmersivo (CEI) como exemplo do apoio provincial a sectores estratéxicos. Cun investimento de 11 millóns de euros, esta innovadora infraestrutura amplía as posibilidades de produción do audiovisual galego e a capacidade da provincia para atraer proxectos internacionais, nun sector que reúne máis de 400 empresas no territorio coruñés.

Ao longo da súa intervención, o presidente vinculou estas experiencias co debate do foro: como exercer desde o ámbito local un liderado capaz de anticipar cambios, mobilizar recursos e ofrecer oportunidades.

Comparte éste artículo
No hay comentarios