O BNG asegura estar preparado para afrontar estas novas eleccións xerais

Sitúa o BNG como un freo frente á onda reaccionaria e á involución en dereitos.

O Bloque Nacionalista Galego afronta as novas eleccións xerais “preparado, con forza e co traballo feito” durante unha lexislatura en que, segundo destaca Néstor Rego, a organización nacionalista “demostrou que é posíbel conseguir avances concretos para mellorar a vida das maiorías sociais”.

O deputado nacionalista reivindica o traballo desenvolto polo BNG nas Cortes do Estado para defender os intereses da Galiza e avanzar en cuestións como os servizos públicos, as infraestruturas, o transporte, a vivenda ou os dereitos sociais.

Un freo frente á onda reaccionaria

Rego sinala tamén que estas eleccións se producen nun contexto marcado polo avance dunha “onda reaccionaria” que pretende facer retroceder dereitos e políticas sociais. “Ante esta ofensiva, o BNG é máis necesario que nunca como forza de defensa dos dereitos, das maiorías sociais e dos intereses da Galiza” sinala, afirmando que “máis BNG é sinónimo de máis dereitos e menos dereitas”.

“Estamos preparadas”

O deputado nacionalista asegura que o BNG afronta a cita electoral “con determinación” e coa vontade de seguir levando “unha voz propia, firme e útil para a Galiza”.

“Durante esta lexislatura demostramos que o BNG é a única forza política que consegue avances para a Galiza. Estamos preparadas e preparados para seguir facéndoo con máis forza e para frear calquera intento de involución nos dereitos e nas políticas sociais” conclúe.

Comparte éste artículo
No hay comentarios