O programa inclúe actividades abertas á comunidade universitaria e á cidadanía sobre benestar, xestión saudable do tempo, inclusión e colaboración con entidades sociais.
A Universidade da Coruña celebrará durante todo este mes de outubro a duodécima edición do “Outubro UDC Saudable”. A Facultade de Ciencias do Deporte e a Educación Física é a sede anfitrioa desta edición, coincidindo co seu 40 aniversario baixo o lema “40 anos movendo saúde”. Neste contexto, o centro organizará unha vintena de actividades ao longo de todo o mes, entre as que destacan, por exemplo, o sábado 17 de outubro, unha sesión de zumba contra o cancro de mama, ou o VII Seminario Nacional de Deporte Inclusivo, que terá lugar os días 22 e 23 de outubro.
Así mesmo, a Facultade acollerá o acto de clausura do XII Outubro UDC Saudable, que terá lugar o venres día 30 e contará con representación institucional da Universidade da Coruña, UDC Saudable e da propia Facultade, coincidindo coa celebración do seu 40 aniversario.
Estes 40 anos supoñen unha ocasión para recoñecer a traxectoria dun centro relevante na historia da UDC. Desde a súa orixe como INEF-Galicia, a Facultade formou e segue formando xeracións de profesionais da educación física e do deporte, combinando a memoria do centro coa mirada posta no futuro e contribuíndo á investigación e á promoción da saúde en Galicia e fóra dela. Moitas das persoas formadas en Bastiagueiro desenvolven hoxe a súa carreira en ámbitos profesionais moi diversos.
A programación do Outubro UDC Saudable incluirá tamén actividades doutras facultades, escolas, oficinas, unidades e servizos da UDC, consolidándose como unha iniciativa transversal e compartida por toda a comunidade.
Outras dos encontros destacados serán as VI Xornadas de Fisioterapia e Saúde “Fisioterapia Oncolóxica”, que terán lugar o 23 de outubro na Facultade de Fisioterapia, ou o seminario “Como coidas da túa saúde mental”, organizado en colaboración con FEAFES Galicia na Facultade de Ciencias da Educación o día 28 de outubro.
Numerosas asociacións, institucións públicas e colectivos sociais sumarán esforzos coa Universidade no desenvolvemento das actividades deste mes saudable. A súa implicación reforza o vínculo da UDC coa sociedade e coas administracións e pon en valor a colaboración entre os membros das cinco ramas de coñecemento da Universidade e o tecido asociativo.
Acceso ao programa completo aquí.