A Coruña acolle a quinta edición do CAMS, un congreso internacional sobre envellecemento celular e metabolismo

O CAMS 2026 reúne ata o 22 de xullo no Campus de Oza a especialistas nacionais e internacionais para analizar os mecanismos biolóxicos do envellecemento e avanzar na prevención e tratamento das enfermidades relacionadas coa idade.

O Campus de Oza acolle desde hoxe e ata o 22 de xullo de 2026, o CellularAging and Metabolism Symposium, CAMS 2026, un encontro científico internacional centrado no estudo da relación entre o envellecemento celular, o metabolismo e o desenvolvemento de enfermidades asociadas á idade.

O congreso, inaugurado esta mañá polo reitor da UDC, Ricardo Cao, reúne apersoal investigador procedente de universidades, hospitais e centros de investigación de España e doutros países europeos. Ao longo de tres xornadas, as persoas participantes abordarán cuestións como a senescencia celular, as alteracións metabólicas, a disfunción mitocondrial, a regulación epixenética, a inflamación e os cambios no microambiente dos tecidos.

Na súa intervención, Cao, destacou o papel do Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA) e do Instituto de Investigación Biomédica da Coruña (INIBIC), cuxo traballo abrangue ámbitos como a bioloxía molecular e celular, o cancro, o envellecemento, as enfermidades metabólicas, a nanomedicina e outras terapias innovadoras. 

O reitor da UDC aproveitou o escenario de hoxe para por en valor a estreitarelación entre investigación e formación, lembrando a súa oferta académica en ciencias da saúde e destacando o recente acordo para impartir na Coruña o segundo ciclo do Grao en Medicina en colaboración co CHUAC, un avance que reforza a integración entre docencia, investigación e práctica asistencial. Nestecontexto, subliñou a importancia de encontros científicos como CAMS2026 para impulsar novas colaboracións e favorecer que os avances da investigación se traduzan en beneficios reais para a sociedade.

O envellecemento é un dos principais factores de risco para numerosas enfermidades. Co paso do tempo, as células experimentan modificacións no seu metabolismo, na súa capacidade para producir enerxía e nos mecanismos que manteñen o correcto funcionamento dos tecidos. Estas alteracións contribúen ao deterioro funcional asociado á idade e poden favorecer a aparición de enfermidades cardiovasculares, neurolóxicas, metabólicas e oncolóxicas.

Neste contexto, coñecer as causas celulares e moleculares das enfermidades asociadas ao envellecemento é fundamental para avanzar na súa prevención. Comprender como se producen estes cambios permitirá identificar novos biomarcadores, detectar antes os factores de risco e desenvolver estratexias terapéuticas máis precisas.

O reto científico non consiste unicamente en prolongar a esperanza de vida, senón en conseguir que os anos adicionais se vivan cunha maior saúde, autonomía e calidade de vida. Para iso, resulta necesario comprender mellor a conexión entre metabolismo, envellecemento celular e enfermidade.

De aí que este simposio conte coa participación de especialistas procedentes de institucións científicas nacionais e internacionais, que compartirán os últimos avances sobre metabolismo celular, función mitocondrial, senescencia, cancro e enfermidades relacionadas coa idade.

O encontro está organizado por Juan Fafián e María Arufe, membros do Grupo de Terapia Celular e Medicina Rexenerativa (TCMR), do CICA e do INIBIC, coa colaboración de persoal investigador da Universidade da Coruña. O seu traballo, que integra investigación en terapia celular, medicina rexenerativa, envellecemento celular e cancro, constitúe un exemplo da importancia de conectar distintas disciplinas para comprender mellor os mecanismos da enfermidade e avanzar no desenvolvemento de novas estratexias diagnósticas e terapéuticas.

Evento satélite aberto ao público

Ademais do programa científico, CAMS 2026 celebrará na tarde deste luns 20 de xullo, ás 19:00 horas, no Café de Macondo da Coruña, a sesión aberta ao público “Envellecemento e Calidade de Vida”. Moderada por SandraRego, técnica de comunicación do CICA, contará coa participación de CleoBishop, do Blizard Institute da Queen Mary University of London e presidenta da International Cell Senescence Association; Estela Area Gómez e Ignacio Benedicto, do CIB-CSIC; e M. Carmen de Andrés, do INIBIC. As persoas participantes analizarán, dende unha perspectiva máis divulgativa, os mecanismos biolóxicos do envellecemento, a súa relación coa saúde e os retos para promover un envellecemento saudable. 

A celebración deste simposio reforza o papel da Universidade da Coruña, do CICA e do INIBIC na investigación sobre envellecemento, metabolismo e saúde, e consolida A Coruña como punto de encontro para a comunidade científica que traballa na comprensión e prevención das enfermidades asociadas á idade.

Comparte éste artículo
No hay comentarios