O maxistrado do Tribunal Superior do Condado de Los Ángeles (California), participará como xuíz visitante nunha xornada na Facultade de Dereito.
A Facultade de Dereito da Universidade da Coruña recibirá o vindeiro venres, día 9 de outubro, ao xuíz estadounidense Ron Kaye, maxistrado do Tribunal Superior do Condado de Los Ángeles (California, Estados Unidos), que participará como xuíz visitante nunha xornada centrada nalgúns dos principais desafíos actuais dos sistemas de xustiza occidentais.
Durante a súa estancia na UDC, Kaye abordará dúas cuestións de grande relevancia social e xurídica. Por unha banda, analizará con persoal investigador e docente da Facultade a resposta do sistema de xustiza penal de California ante as persoas acusadas con enfermidades mentais, baixo o título “Tratamento en lugar de castigo: acusados con enfermidades mentais no sistema de xustiza penal de California”. Por outra, xa en aberto para a comunidade universitaria ofrecerá unha reflexión sobre o modelo xudicial estadounidense a través da conferencia “O sistema de xustiza dos EE.UU.: a tensión entre as liberdades individuais e a protección da sociedade”.
Ron Kaye desenvolve actualmente a súa actividade no Hollywood Mental Health Courthouse, unha área especializada do Tribunal Superior do Condado de Los Ángeles, onde preside procedementos relacionados coa capacidade procesual das persoas acusadas, os internamentos involuntarios por razóns de saúde mental e outras cuestións vinculadas á atención psiquiátrica no ámbito xudicial. Ademais, impulsou un programa de acompañamento para persoas que abandonan o sistema penitenciario co obxectivo de favorecer a súa reinserción social e reducir a reincidencia.
Antes da súa incorporación á carreira xudicial, desenvolveu unha ampla traxectoria profesional como avogado. Foi fundador e socio dun despacho especializado en dereitos civís e defensa penal, desde o que liderou litixios contra administracións públicas por encarceramentos indebidos, uso excesivo da forza ou vulneración do dereito á asistencia sanitaria e á atención á saúde mental durante a privación de liberdade. Con anterioridade exerceu como defensor público federal no Distrito Central de California, participando en numerosos procesos penais ante tribunais federais e de apelación.
A súa carreira estivo tamén estreitamente ligada á defensa dos dereitos humanos e dos colectivos vulnerables. Traballou en servizos de asistencia xurídica gratuíta e representou persoas refuxiadas en procedementos de asilo político nos Estados Unidos. Ademais, dirixiu unha delegación xurídica que investigou en El Salvador o asasinato dos seis sacerdotes xesuítas da Universidade Centroamericana en 1989.
Xunto á súa actividade profesional, mantén unha intensa vinculación co mundo académico. Na actualidade imparte seminarios de Dereito Penal para especialistas en psiquiatría forense das universidades de Southern California (USC) e California en Los Ángeles (UCLA), e forma parte do Comité de Saúde Mental da Asociación de Xuíces de California.
Ao longo da súa traxectoria recibiu numerosos recoñecementos profesionais, entre eles o Outstanding Community Service Award da Criminal Courts Bar of Los Angeles (2025), o Johnnie Cochran Memorial Award(2016), o Prisoners’ Rights Award da ACLU do Sur de California (2015) e o premio Attorney of the Year de California Lawyer Magazin” (2010). Tamén foi seleccionado en varias ocasións entre os cen mellores avogados de California polo Daily Journal e foi bolseiro Fulbright en 1989.
A visita de Ron Kaye permitirá ao estudantado e ao profesorado da UDC coñecer de primeira man a experiencia dun dos sistemas xudiciais máis influentes do mundo e reflexionar sobre cuestións tan actuais como a saúde mental, a reinserción social, os dereitos fundamentais e o papel da xustiza nas sociedades democráticas.