Tralas visitas, 20 estudantes poderán desenvolver un experimento durante unha estadía de tres días no centro e presentar os seus resultados nun congreso científico.
O Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA) da Universidade da Coruña, que forma parte da Rede CIGUS da Xunta de Galicia, iniciou esta semana as visitas da oitava edición de Incrúst@te. O programa, desenvolvido en colaboración coa Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT), busca fomentar as vocacións científicas e achegar á mocidade galega o traballo cotián dun centro de investigación.
Máis de 500 estudantes de centros educativos de Galicia participarán nesta primeira fase, que se desenvolverá entre outubro e decembro. O IES Ramón Caamaño de Muxía abriu a programación este martes, 6 de outubro, coa visita de 26 estudantes. Estas visitas permiten coñecer as instalacións do CICA, entrar nos seus laboratorios e conversar co persoal investigador sobre o seu traballo.
Unha das novidades deste curso é a incorporación de alumnado de 3º da ESO, que se suma ao de 4º da ESO, 1º de Bacharelato e Formación Profesional. Ademais, por primeira vez, dous docentes poderán participar nas estadías nos laboratorios xunto co alumnado. Esta experiencia permitiralles coñecer os experimentos e as dinámicas de traballo dos grupos de investigación para trasladalos posteriormente ás aulas e adaptalos ao contexto educativo.
A edición reforza tamén o seu compromiso coa inclusión e a igualdade de oportunidades. O programa presta especial atención á participación de centros situados en zonas rurais e prevé a reserva de prazas nas estadías para estudantes con discapacidade.
Da visita ao laboratorio á presentación nun congreso científico
Unha vez rematadas as visitas, seleccionaranse 20 estudantes mediante unha carta de motivación para realizar unha estadía de tres días no CICA. Durante este período, poderán desenvolver un experimento baixo a supervisión do persoal investigador e coñecer de preto como se formulan preguntas científicas, se realizan probas e se interpretan os resultados.
As estadías permitirán achegarse ás tres áreas científicas do centro: Biomedicina; Alimentación, Contaminación e Saúde; e Nanociencia e Materiais Avanzados.
O alumnado presentará os seus traballos mediante pósters e comunicacións orais no Congreso Incrústate, previsto para abril de 2027 na Domus da Coruña. As catro propostas finalistas terán a oportunidade de continuar os seus proxectos cunha estadía de ata dúas semanas no centro.
O programa desenvolverase ao longo do curso 2026–2027 nas seguintes fases:
- Visitas dos centros educativos ao CICA e selección de estudantes: de outubro a decembro de 2026.
- Estadías curtas nos laboratorios: de xaneiro a marzo de 2027.
- Congreso Incrústate: abril de 2027.
- Estadías longas para o alumnado finalista: entre abril e xuño de 2027.
Desde a súa posta en marcha en 2017, máis de 1.700 estudantes participaron no programa. Ademais de fomentar as vocacións científicas, Incrústate busca dar a coñecer as titulacións da Facultade de Ciencias da UDC, visibilizar o labor do persoal investigador e poñer en valor o papel das mulleres na ciencia.