Brais Vázquez denuncia a mala regulación do tráfico no IES, algo que se repite cada curso e lembra que o Concello ignorou unha proposta presentada polo BNG en febreiro para ordenar a circulación.
O BNG de Monterroso reclama ao goberno municipal que adopte medidas urxentes para solucionar os problemas de tráfico que se producen na contorna do IES, especialmente nas horas de entrada e saída do alumnado. O concelleiro nacionalista, Brais Vázquez, denuncia que esta situación se repite ano tras ano sen que o goberno municipal adopte solucións. “Non estamos ante un problema novo nin imprevisible. Cada curso volvemos atoparnos cos mesmos problemas de circulación e cada pequeno incidente súmase a unha lista que non debería seguir medrando”, sinala.
Vázquez lembra que o BNG presentou xa no mes de febreiro unha proposta para elaborar un plan de tráfico na contorna do IES, que permitise ordenar a circulación, mellorar os accesos e garantir a seguridade do alumnado, das familias e do persoal do centro. Porén, segundo denuncia, o goberno municipal fixo caso omiso desta iniciativa.
“En febreiro propuxemos actuar para evitar precisamente estas situacións. Pasaron os meses, comezou un novo curso e seguimos exactamente igual. O que falta non son advertencias nin propostas, senón que o Concello tome a iniciativa e actúe”, afirma Brais Vázquez.
O BNG lembra que o pasado 1 de outubro entrou en vigor a reforma do Regulamento Xeral de Circulación, que reforza a protección das persoas máis vulnerables nas vías públicas e incorpora medidas específicas para mellorar a seguridade nas contornas escolares.
A nova normativa contempla medidas de limitación da velocidade, ordenación do estacionamento e calmado do tráfico nas proximidades dos centros educativos, ademais de recoñecer os chamados camiños escolares seguros.
Para Brais Vázquez, “resulta difícil de entender que, mentres a normativa avanza na protección do alumnado e na creación de contornas escolares seguras, en Monterroso sigamos sen resolver problemas que coñecemos desde hai anos”.
O concelleiro nacionalista considera que o Concello debe aproveitar este novo marco normativo para elaborar un plan de mobilidade e seguridade viaria que dea resposta ás necesidades reais dos centros educativos, estudando medidas de ordenación da circulación, regulación das zonas de parada e estacionamento, mellora da sinalización e protección dos accesos peonís.
A formación nacionalista advirte de que os problemas de circulación e seguridade non se limitan ao instituto, xa que tamén existen cuestións pendentes de resolver na contorna do CEIP de Monterroso.
“Tamén temos trasladado propostas para mellorar a situación no colexio e imos continuar insistindo. Falamos da seguridade das nosas crianzas e da necesidade de garantir que poidan acceder aos centros educativos en condicións adecuadas”, explica Vázquez.
O BNG anuncia que presentará unha queixa formal no próximo pleno municipal e volverá levar propostas concretas para mellorar a seguridade viaria nas contornas do IES e do CEIP.
“Non podemos seguir agardando a que se produza un incidente grave para actuar. A seguridade do alumnado non pode quedar relegada ano tras ano. O Concello ten competencias, dispón dun novo marco normativo e conta con propostas enriba da mesa. O que precisamos agora son solucións”, conclúe Brais Vázquez.
…