O Concello de Lugo celebrará o Día da Muller Rural cunha xornada que dará voz a seis mulleres vinculadas ao territorio

A Concellería da Muller organizará o vindeiro 15 de outubro, con motivo do Día da Muller Rural, a xornada «Mulleres que fan territorio», unha proposta que reunirá no Vello Cárcere a seis mulleres con traxectorias profesionais e vitais diferentes, pero cunha característica común: a súa vinculación co territorio e co desenvolvemento do medio rural.

A iniciativa busca visibilizar o papel das mulleres na realidade económica, social e profesional do rural, dando a coñecer experiencias diversas que permitan achegar diferentes perspectivas sobre o presente e o futuro do territorio.

A concelleira de Muller, Aurora Goás, destacou que “falar da muller rural é falar tamén de territorio, de actividade económica, de tradición e de futuro. En Lugo contamos con mulleres que cada día contribúen, desde ámbitos moi diferentes, a manter vivo o noso rural e a xerar novas oportunidades, e esta xornada quere precisamente darlles voz e visibilidade”.

A xornada estará estruturada en dúas mesas de diálogo. A primeira contará con María José Bande Castro, doutora enxeñeira agrónoma e investigadora do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo; Sara Ruiz Rubio, veterinaria e investigadora natural de Triacastela; e Alexandra Gual, avogada. Desde os seus respectivos ámbitos, abordarán cuestións relacionadas coa agricultura, a investigación, a innovación, a veterinaria, o emprendemento e os servizos profesionais vinculados ao rural.

A segunda mesa reunirá Dolores Pacios Simón, panadeira xubilada de Adai; Mª José Fernández Veiga, vinculada a unha explotación leiteira en Breval; e María Leidé González Vázquez, vinculada a unha explotación gandeira en Senda María de Bóveda. As súas intervencións permitirán coñecer experiencias persoais e profesionais ligadas aos oficios tradicionais, á gandaría, ao traballo familiar e á continuidade dos proxectos de vida no medio rural.

Deste xeito, a programación combinará coñecemento especializado e experiencias en primeira persoa, a través de mulleres con diferentes percorridos vitais e profesionais e unha estreita relación co territorio

Comparte éste artículo
No hay comentarios