O Partido Popular de Lugo considera unha boa noticia a ampliación do prazo legal para o cambio obrigatorio dos contadores de auga, que pasa de 5 a 7 anos segundo a modificación da Orde ICT/155/2020.
Esta modificación, publicada no BOE o pasado venres, era necesaria para evitar que Lugo incumprise a normativa estatal, dado que o Goberno local non realizou ningún avance neste proceso de control metrolóxico, cuxo prazo inicial expiraba este mesmo mes.
“Lugo ía chegar tarde pola falta de traballo e de planificación do Goberno local”, explicou a concelleira popular Silvia Colmenero.
Unha oportunidade para dixitalizar o ciclo da auga
Dende o PP lembran que este cambio non debe limitarse unicamente á substitución de contadores antigos. Pola contra, é unha oportunidade clave para modernizar o sistema e apostar polos contadores dixitais.
Estes novos dispositivos permitirían unha lectura moito máis eficiente e unha xestión transparente e responsable de todo o ciclo da auga no municipio.
“Pedímoslle ao Goberno que non volva deixar pasar o tempo. Agora teñen dous anos máis para facelo ben: deben modificar a ordenanza fiscal, definir o modelo tecnolóxico e, sobre todo, buscar financiamento que garanta un sistema moderno e transparente”, subliñou Colmenero.