O PP de Foz denuncia que o goberno local “reacciona tarde e a remolque” e comeza a limpar o alcantarillado e as cunetas despois do temporal

“Parécenos unha falta de respecto total que o equipo de goberno, os socialistas de Foz, se poñan agora a limpar o alcantarillado e as cunetas unha vez que pasou a tormenta. Isto é unha falta de dilixencia e evidencia a desidia coa que actúa o señor Cajoto, que parece estar xa acostumando a tomar medidas despois de que os problemas sucedan”, sinala Castiñeira.

O Partido Popular de Foz denuncia a “falta de dilixencia” do equipo de goberno socialista ante os problemas ocasionados polo temporal dos últimos días e critica que o Concello estea a acometer agora traballos de limpeza do alccantarillado, das reixas e das cunetas “unha vez que xa pasaron os problemas e despois de que moitos veciños, negocios e familias sufrisen as consecuencias das inundacións”.

O voceiro do PP de Foz, Javier Castiñeira, considera que esta actuación evidencia “unha falta de respecto total” cara aos afectados e lamenta que o goberno local “non tome medidas ata que os problemas xa están enriba da mesa”.

“Parécenos unha falta de respecto total que o equipo de goberno, os socialistas de Foz, se poñan agora a limpar o alcantarillado  e as cunetas unha vez que pasou a tormenta. Isto é unha falta de dilixencia e evidencia a desidia  coa que actúa o señor Cajoto, que parecer estar xa acostumado a tomar medidas despois de que os problemas sucedan”, sinala Castiñeira.

O popular pon o foco especialmente na situación das parroquias, onde, segundo denuncia, “as cunetas están abandonadas”, e lembra que o goberno local dispuxo de todo o verán para realizar estes traballos antes da chegada do outono e dos temporais.

“Non vale agora, despois de ter todo o verán para limpalas, poñerse a limpar as cunetas unha vez pasado o temporal. E, sobre todo, non vale dicir que non se sabía que isto podía pasar, porque os veciños avisaron moitísimas veces e tamén o denunciamos desde a propia oposición”, afirma.

O voceiro popular tamén sinala que os efectos do temporal se deixaron notar no propio núcleo urbano, onde varios veciños e negocios sufriron inundacións e tiveron que dedicar “dous ou tres días” a limpar os seus locais, vivendas e establecementos.

“Os veciños e os negocios do centro urbano tamén se viron inundados e non foi porque non o avisaran. Avisaron os veciños moitísimas veces e tamén o advertimos dende a oposición. Estamos falando de persoas que tiveron que pasar dous ou tres días limpando as inundacións dos seus locais, nas súas tendas e nas súas casas”, explica.

Neste sentido, Castiñeira critica a “nula escoita activa” do goberno municipal e considera que o executivo debería priorizar o mantemento das infraestruturas municipais fronte a actuacións que, ao seu xuízo, non responden ás necesidades máis inmediatas dos veciños.

“O que verdadeiramente nos piden os veciños das parroquias é mantemento das estradas, das infraestruturas, do alumeado… E nese ámbito o que existe é un abandono total”, denuncia o voceiro do PP de Foz.

Castiñeira cualifica de “neglixencia” e “mala praxe” a maneira de actuar do Concello e reclama que o goberno local pase dunha política reactiva a unha política de prevención.

Finalmente, o PP de Foz quere trasladar o seu apoio ás familias, veciños e negocios afectados polo temporal e polas inundacións.

Comparte éste artículo
No hay comentarios