O PP de Padrón acusa a Anxo Rei de estar «cego de ambición» tras postularse para as listas do Congreso

O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular de Padrón, Ángel Rodríguez Conde, criticou con dureza as últimas declaracións do alcalde, Anxo Rei, nas que este se amosaba disposto a formar parte da candidatura do PSOE ao Congreso polas eleccións xerais. Os populares instárono a «centrarse nas súas responsabilidades á fronte do goberno local e en resolver os problemas da veciñanza, en lugar de andar xogando a aprendiz de Maquiavelo».

“Vemos a Anxo Rei co ego subido, cego de ambición e deixando claro que a veciñanza de Padrón lle importa ben pouco, xa que considera a súa etapa na Alcaldía como un simple lugar de tránsito na súa carreira política cara a cotas máis altas”, sinalou Rodríguez Conde.

O dirixiente popular tamén puxo en dúbida a iniciativa do rexedor: “Non é a primeira vez que Anxo Rei fai gala da súa falta de humildade e da súa gran soberbia, ao tempo que trata de enganar á opinión pública. A realidade non é que o PSOE queira contar con el, senón que é el mesmo quen anda a manobrar e mendigar apoios para pedir que o inclúan nas listas do Congreso”.

En opinión de Rodríguez Conde, aínda que considera «lexítimo querer medrar en política», esixe que «xogue coas cartas boca arriba e lle explique á veciñanza de Padrón que faría llegado o caso, se vai renunciar á Alcaldía ou se pretende compatibilizar ambos os cargos».

Para rematar, o voceiro do PP ironizou sobre as súas aspiracións e esixiulle acción na xestión municipal: “Visto o visto, penso que Anxo Rei ten nulas posibilidades de dar o salto á política nacional, polo que lle pido que se centre e traballe na Alcaldía para resolver os asuntos pendentes que ten Padrón, como a aprobación definitiva do PXOM, a mellora do centro de saúde, o problema da vivenda ou a tan dilatada reforma da Praza de Abastos”.

Comparte éste artículo
No hay comentarios